O técnico da lavadora

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

18 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Olector desculparame se erro, pero atribúo a unha das cousas de Castelao o seguinte diálogo entre dous fulanos: «—Que porca é a política! —Si, pero cantos tolean por ela!». Daniel, que tiña unha habelencia case sagrada para captar a cerna do país, profetizou neste diálogo un panorama no que a política, esa cousa tan porca pero tan extremadamente sedutora, deveu, como é publico e notorio, unha gándara de nauseabunda lama na que os protagonistas, nun a xeito de combate entre patéticos batracios, patexan co dobre propósito de non afundiren eles mesmos e de procurar desesperadamente afundiren os rivais. Vocación de servizo? Compromiso público? Coherencia? Vaites, ho, non me sexas carroza! Iso son cousas doutro tempo, a ocasión píntana calva.

Cando un se noticia de que unha señora que non ten nin o bacharelato é subdirectora de non sei que museo da modernidade cun pastizal de soldo conclúe que para brillar en política non fai falta currículo, sempre, claro está, que se estea disposto a mentir sobre o que sexa, o cal leva por vía directa ao descrédito colectivo a respecto da política e á medra dos populismos de cores variadas. Así e todo, este menda, que non sei se é optimista ou parvo, segue crendo que hai políticos (poucos) cuxa honestidade demostrada constitúe a excepción que confirma a regra. Lembra vostede aquel grotesco episodio do retiro espiritual do noso premier, asqueado de tanto fango, dende o cal dirixía, ao estilo dos heresiarcas antigos, cartas ao sufrido contribuínte compartindo as súas graves reflexións sobre os males da república? Talvez ese podería ser o camiño para ceibarnos da nefasta influencia dos políticos: unha sociedade orwelliana na que os dirixentes habitasen un retiro incomunicado co exterior dende a cal puideran exercer o mando sen risco de contaxio. Pero non, viven entre nós e cando están preto hai que facerlles a ola. Unha escena tomada ao natural: cando o político de turno lle perdoe a vida dicíndolle o que ten que facer no seu oficio, recomendo a vostede que lle pregunte se, cando un técnico vai á súa casa a repararlle a lavadora, lle di a este por onde ten que meter o desaparafusador. Xa verá como funciona.