Un documental reivindica o programa de radio «Sempre en Galicia» de Uruguai ao cumprir 75 anos

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O proxecto audiovisual busca render homenaxe aos seus mantedores e dar a coñecer a contribución da emisión á historia de Galicia

04 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 3 de setembro de 1950 iniciaba a súa emisión Sempre en Galicia, en Radio Carve, en Montevideo (Uruguai), buscando encher o oco que deixara o pasamento de Castelao entre a diáspora galega. Agora, con motivo do 75 aniversario deste programa radiofónico, que se converteu no primeiro integramente en galego, Xan Leira dirixe o documental Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración, que busca render unha homenaxe aos seus mantedores e, ao mesmo tempo, dar a coñecer desde unha perspectiva actual a contribución deste proxecto ao estudo da historia e da cultura galega producida na diáspora.

«É moi importante que a Galicia territorial coñeza a traxectoria deste programa», salientou Xan Leira ao presentar onte no Consello da Cultura Galega (CCG) o proxecto, acompañado, entre outros, da presidenta desta entidade, Rosario Álvarez, e do secretario xeral da Lingua, Valentín García. Un dos aspectos que resaltaron foi que a emisión ininterrompida desde 1950 de Sempre en Galicia «convérteo nun testemuño vivo da resistencia cultural e política emprendida polo galeguismo riopratense». Non só eran —e son— noticias de Galicia e da emigración en Uruguai, senón que o espazo tamén se converteu nun foro para a difusión da cultura galega con entrevistas a escritores, músicos e outros representantes culturais.

A negativa arxentina

Rosario Álvarez subliñou que nesta homenaxe e memoria ao programa radiofónico tamén hai que ter un recoñecemento á sociedade «democrática e tolerante» de Uruguai que permitiu a súa emisión noutra lingua. Neste aspecto, Yolanda Díaz Gallego, que desde 1954 ata febreiro do 78 traballou nese programa, lembrou que se creou en Uruguai porque en Arxentina non permitían un programa en galego. «Non tiñamos axudas, subvencións; era todo polo que poñiamos nós», afirmou, engadindo que o obxectivo era que a emisión «transcendese e chegase á terra». Valentín García destacou que «é un fito milagroso que 75 anos despois siga sendo atractivo, con todo o que cambiou o mundo».