
Agora xa estamos en condicións de afirmar que Manuel Curros Enríquez (1851-1908), ademais dun excelso poeta en lingua galega e dun extraordinario xornalista en castelán, tiña un talento especial para o xénero epistolar. Non tardarán en publicarse, pola editorial Bolanda (Santiago), as 32 cartas que o grande escritor lle escribiu, entre 1904 e 1908, a José Ojea (1845-1909), farmacéutico de Cortegada, deputado nas Cortes da Primeira República, escritor e amigo entrañable seu desde 1880, o ano en que prologou a primeira edición de Aires da miña terra.
O día 18 do presente mes, dona Delfina Emilia García Paadín, de familia de boticarios, doou á Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, estas páxinas de Curros que son un pequeno tesouro literario e informativo escrito por un polifacético e brillante epistológrafo.
Os que coñecen outros epistolarios de Manuel Curros Enríquez percibirán, cando se publiquen estas cartas, que o autor atopou en don José Ojea o interlocutor idóneo, ese destinatario a quen non se lle aforran confidencias e efusións moi íntimas e a quen non se lle furtan faiscantes diatribas retóricas e mesmo bromas pouco esperables naquela pluma dun cidadán tan recto e ríxido como foi Curros sempre. Ademais dun paisano próximo, Ojea era, para Curros Enríquez, un vello correlixionario na causa progresista e republicana, e un temperamento crítico co que concordaba. Só a un destinatario como o entrañable José Ojea, Curros pode ofrecer noticias, moi negativas, sobre os seus fillos Adelardo e Manuel, ou chancearse «de Maese Pondal» ou extremar a súa sátira contra «la eximia», unha tal Emilia Pardo Bazán.
Nunha das cartas, días antes de ser coroado solemnemente na Coruña como poeta (21-10-1904), escríbelle ao vello amigo e correlixionario: «Debes, pues, ponerte en camino y venir a La Coruña para asistir a los espléndidos funerales que quieren hacerme nuestros paisanos y a los que voy a asistir en vida, como dicen que asistió don Juan de Mañara y Carlos V». Temos noticia certa de que existen cartas de Curros Enríquez a don José Ojea escritas en anos anteriores que sería unha beizón localizar.