O trixésimo aniversario do Festival de Cine de Ourense levantou o pano na noite do venres coa proxección do filme do autor grovense
27 sep 2025 . Actualizado a las 00:06 h.O trixésimo aniversario do Festival de Cine de Ourense levantou o pano na noite deste venres coa estrea galega de Playa de Lobos, a nova longametraxe do guionista e director do Grove Javier Veiga. O cineasta, unha persoa polifacética cunha ampla traxectoria no mundo do cine, goza explorando os diferentes roles dentro de cada proceso creativo das películas. Na presentación da cinta asegurou que inaugurar o certame ourensán co seu novo filme era «pechar un círculo». Isto débese a que a súa anterior película, Amigos hasta la muerte, foi rodada de forma íntegra na cidade das Burgas no ano 2022. Veiga confesou a súa ilusión ante a proxección da súa obra nun momento tan importante do OUFF no Auditorio Municipal de Ourense. E, ademais, colgou o cartel de non hai entradas. «Gusta ver as películas nunha sala chea», celebrou. Veiga describiu os cines, teatros e auditorios como o lugar natural onde se deben visualizar as obras cinematográficas.
A película, un suspense psicolóxico, está salpicada de pinceladas cómicas. Lonxe de resultar frívolo, como explica o propio director, «o humor actúa como vaselina para que entren con máis facilidade» todas esas situacións de tensión que ocorren tanto dentro coma fóra da pantalla. A pesar dos bos recordos da rodaxe de Amigos para siempre en Ourense, Veiga explicou que, por motivos obvios, este novo filme non se puido gravar na cidade: «Non hai praias, quitando as fluviais».
Playa de Lobos chegará aos cines o vindeiro 5 de decembro. Será o momento de poder desfrutar unha película de 90 minutos que xa puideron ver en primicia os asistentes á gala de inauguración do OUFF. A cinta comporta un elenco de luxo, incluíndo a Guillermo Francella e Dani Rovira, ademais de Marta Hazas, Antonia San Juan e o propio Veiga. A trama arranca nun bar de praia onde unha simple discusión entre un turista e un camareiro desencadea o conflito central.
Máis adiante, Veiga viaxará coa longametraxe a Arxentina, onde agarda unha grande acollida. Leva baza gañadora porque, tal como remarcou, o protagonista, Guillermo Francella, «é un fenómeno de masas» no seu país.
Director, guionista, actor, dramaturgo, humorista, produtor... Veiga conta cunha longa carreira cinematográfica, vencellada a Ourense. Comezou no cine coas curtametraxes Sálvame e De qué se ríen las hienas, que lle valeron numerosos premios en festivais nacionais e internacionais. No 2018 dirixiu a serie Pequeñas coincidencias, da que escribiu e protagonizou tres tempadas. Amigos hasta la muerte foi a súa primeira longametraxe, rodada integramente en Ourense. Playa de Lobos é a súa segunda obra longa de ficción.