Bergman, en perspectiva

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

A morte (Bengt Ekerot) e o cabaleiro (Max von Sydow) dispóñense á súa partida de xadrez na película «O sétimo selo».
A morte (Bengt Ekerot) e o cabaleiro (Max von Sydow) dispóñense á súa partida de xadrez na película «O sétimo selo». Svensk Filmindustri

06 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Acolumna da pasada semana resultou polémica pois ofrecía o meu punto de vista sobre un filme nada convencional. Un comentarista opinaba que cualificar como obra de arte unha peli estreada hai meses (Sirât, 2025) é unha esaxeración e preguntábase, se Oliver Laxe está na devandita categoría, onde colocar a «Dreyer, Ford, Bergman, Walsh, Lang y toda la basca de los viejos tiempos». Touché! Nunca rexeito un envite. Prezado comentarista: elixa arma e nomee padriños. Tomemos a Bergman, por exemplo. Ten para min tres momentos. UN. Comezos dos 70. Meu irmán pelexa cunha televisión en branco e negro. Teimuda na súa negativa a funcionar, amosa un inextricable envurullo de raias, chuvia estática e desfiguradas figuras no canto das tan imaxes d’O manancial da doncela. Meu irmán trufa un rosario de maldicións contra o aparello, o estado xeral das telecomunicacións e o maldito réxime político responsable, cunha gabanza encomiástica do cine europeo e do valor metafórico das obras de Bergman. Ao cabo, quedamos sen película. DOUS. Cinco anos despois, no cine da Estrada. Milito na Xuventú Comunista de Galicia. Debía ler a Martha Harnecker e Maiakovski, malia non entender maldita a jota, e había que ver cousas como Segredos dun matrimonio. Tres horas de diálogo entre Liv Ullmann e Erland Josephson. Malia o máis que probable aburrimento, saïamos do cine extasiados, ou máis ben convencidos de que había que saír do cine extasiados dunha estética que, na súa excelsitude, estabelecía un patético contraste con Esperanza Roy en sostén ou Tony Leblanc como Pepe el Astronauta. TRES. Sinto unha querenza especial por O sétimo selo. Fascinante Max von Sydow. Non se bota un xadrez coa morte todos os días. Un clásico inesquecible. Revisitei o filme hai pouco: a expresión é dun ton de sobriedade peculiarmente hiperbórea indiferente, ao meu xuízo, ao paso do tempo. O guión podería ser de Shakespeare.

Cando os ortodoxos moveron o mundo? Ao mellor, Oliver Laxe deixa nalgún mozo de hoxe (ou en varios) unha pegada como a que no seu día Bergman deixou en min. É só cuestión de tempo.