A estrea absoluta de catro obras certifica a maioría de idade do festival FITO

CULTURA

O certame de teatro de Ourense acolle o traballo de dezanove compañías
09 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) abrirá as súas portas o 16 de outubro para festexar a maioría de idade dunha proposta fundamentada na aposta firme polo teatro galego e pola identidade coa que naceu hai 18 anos. Trátase, escoitouse onte na súa presentación, dunha plataforma dinámica onde teñen cabida múltiples xéneros, experiencias vitais e diferentes formas de expresión artística. O festival contará cun total de 19 compañías e 24 funcións representadas en espazos da cidade de Ourense, combinando temáticas e disciplinas.
A directora do certame, Fina Calleja, gabou o bo momento que vive o teatro en Galicia. Unha realidade que tamén defendeu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. O representante da Xunta valorou o FITO como «un espazo de encontro, visibilidade e cooperación entre creadores do país e doutras procedencias». Subliñou que a presenza de compañías galegas de referencia, xunto coa participación de novas agrupacións emerxentes, confirma a boa saúde da escena galega e a súa capacidade de diálogo coa creación contemporánea internacional.
Calleja agradeceu o apoio a este tipo de citas tanto por parte da Xunta como pola da Deputación, a Universidade de Vigo e espazos privados da capital ourensá como o Liceo ou o café Auriense. Pero, sobre todo, subliñou o esforzo que fan as compañías por estar presentes, como é o caso das que chegarán dende Madrid ou Estremadura, e mesmo dende Arxentina.
A programación do FITO contará con catro estreas absolutas que exemplifican a responsabilidade do festival coa creación contemporánea galega. O mércores 22 de outubro, a sala Emilia Pardo Bazán do campus de Ourense acollerá o debut das pezas do proxecto 67 Graos. Ourense Fervescénica, froito das bolsas de creación destinadas a promover o diálogo interdisciplinar entre artistas. Nesa mesma xornada terá lugar, na agrupación cultural Auriense, a estrea de Cuore de Italia, da compañía Priscila, unha proposta híbrida de música e teatro asinada por Fernando González, Vadzim Yuknevich, Fernando Dacosta e Fran Lareu, que ofrece unha viaxe desenfadada pola tradición musical italiana. O domingo 19 presentarase Sophie non é o meu nome de guerra, de Redrum, un espectáculo inspirado nunha historia real sobre as vivencias dunha persoa emigrante. Finalmente, o venres 24 estrearase no Teatro Principal Xoguetes rotos, de Barrosanta en coprodución con ButacaZero, unha historia ambientada no Vigo industrial dos 70 que aborda, a través da amizade entre Mario e Dorin, temas como a identidade e a liberdade persoal.
Entre as galegas, a agrupación Elefante Elegante abrirá o FITO o xoves 16 de outubro no Teatro Principal con Alta costura; ButacaZero presentará Melón pelado o 17 no Liceo Recreo Ourensán; Redrum levará ó mesmo escenario a devandita Sophie non é o meu nome de guerra o 19; e Producións Teatrais Excéntricas porá en escena da man de Mofa e Befa a súa versión da novela de Castelao Os dous de sempre o sábado 25 tamén no Liceo. As propostas de Elefante Elegante e Excéntricas contaron, ademais, con subvención por parte da Xunta.
A programación nacional e internacional incluirá Antiga novidade, do creador madrileño Nacho Vera, o sábado 18 de outubro no Teatro Principal; Feliz día, da compañía arxentina Suttotos, o xoves 23 no mesmo espazo; e Amalia y el río, do grupo estremeño Guirigai, que clausurará o festival o 26, tamén no Principal.