«Prospectiva I: Paisaxes» é o primeiro dos tres números previstos ata o 2027
12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A ausencia e o silencio poden ser tan explícitos coma as palabras e as imaxes. O feito de que a revista Obradoiro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) estivese 12 anos sen publicar revela a crise da disciplina e a longa noite que foi precisa para se repensar, tanto a publicación coma a propia arquitectura. A presentación do número 35, este venres en Santiago, serviu de limiar no que entender que a recuperación desta histórica cabeceira é, máis ca un retorno, un renacemento.
Durará, como mínimo, até o 2027, con tres entregas abranguidas baixo o paraugas do título Prospectivas. Unha achega que vai alén da noción tradicional da arquitectura e afonda nas súas constantes ontolóxicas: a paisaxe, o urbanismo e os materiais.
O proxecto xorde cando Luciano Alfaya é nomeado decano do COAG, no 2023, e decide someter a concurso o equipo de edición da revista. «Neses 12 anos as cousas mudaron. A nosa proposta entendía que a importancia dunha revista non é a mesma que antes, cando divulgaba os novos proxectos. Iso xa se fai dixitalmente agora, así que debiamos facer unha revista relevante, crear un contido propio que amosara debates actuais», explican nunha videochamada conxunta os gañadores do proxecto, os arquitectos galegos Manuel Bouzas, María Fandiño, Roi Salgueiro e Teresa Sánchez.
«Aprender a comprender a paisaxe, ter unha resposta arquitectónica axeitada e un compromiso co emprazamento no que se actúa semella un primeiro paso asumible por todos nós», dixo Alfaya na presentación.
O punto de partida é un esquema do escocés Patrick Geddes, que explica como os asentamentos humanos adaptan os espazos naturais ás súas necesidades, dende a costa cara ao interior. No caso de Galicia, a liña trázase dende a enerxía eólica mariña, a pesca, os estaleiros, a costa ameazada pola suba do nivel do mar, as cidades e vilas, a súa periferia, os minifundios agrícolas, as canteiras, os bosques e os seus incendios, as comunidades, as baleiradas zonas rurais... «Son espazos que deben ser revisitados e explorados, porque están en disputa e afrontan novos retos», di Bouzas.
A ausencia pode ser moi explícita e, así, que na revista só apareza un edificio supón unha declaración de intencións. «A definición de arquitectura está a mudar. Nós somos especialistas no espazo, xa sexa en edificios ou noutros lugares, como María, que deseña paisaxes», continúa Bouzas. E ela engade: «Temos que estudar as paisaxes de xeito crítico, mirando cara ao futuro, tendo en conta o cambio climático, as implicacións sociais, a produción de recursos... Os arquitectos proxectamos a construción, pero empregando o que extraemos da paisaxe».
Por iso, os tres números de Prospectivas traen unha nova arela de afondar en todo o que contorna á arquitectura e orientar a disciplina co fin de anticipar e planificar o futuro no constante proceso de transformación de Galicia. «O máis radical é presentalos como monográficos e facendo contido propio que poida entender calquera», di Sánchez.
Desacralizar ao arquitecto
Porén, cando o material estaba case listo, apareceu o que sería un dos eixos vertebrais: «Debiamos recoñecer o punto de partida, e os lumes deste verán decidíronnos a incluír as fotografías de Brais Lorenzo e mais os ensaios de Pepa Morán, que establecen un debate para mellorar nun marco de varias décadas», puntualiza Salgueiro.
Outra das particularidades pasa por desacralizar ao arquitecto e recoñecer todos os elementos que interveñen neste proceso e que fornecen o coñecemento preciso, dende bombeiros e historiadores ata economistas ou comuneiros. «A arquitectura é algo plural, que integra a toda a sociedade», di Fandiño, que reivindica a necesidade de comunicar de xeito sinxelo.
A revista descompón a paisaxe coma proxecto (as obras), coma fonte de produción de recursos, coma elemento de identidade, espazo de comunidade, elemento limítrofe e zona con capacidade de adaptación ao cambio climático. «Unha mesma paisaxe é todas estas cousas; acumula estas capas», afirma Salgueiro.
E, para estudalas, as máis de 300 páxinas ofrecen distintos tipos de contido, coma conversas, ensaios, obras executadas e traballos de investigación no terreo que van acompañados de fotografías orixinais. «Nós mesmos imos alí, facemos planos, falamos coa xente, documentamos... A revista comeza co problema da paisaxe e os lumes e remata cunha solución», di Fandiño. «A nosa intención é xerar coñecemento, procurar e aportar datos, pero sendo optimistas, sen dramatismo e poñendo de relevo o que facemos ben», conclúen os catro.