Un plano do Ulla e a causa xudicial contra o Sacaúntos, fitos da mostra
23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Arquivo do Reino de Galicia sacou os tesouros á vista. Estes días fai 250 anos desde a súa fundación na Coruña o 22 de outubro de 1775 por orde de Carlos III. «Foi un rei moi adiantado para todos os que nos dedicamos á cultura, que se deixou convencer» para crear a institución, segundo sinalou este mércores na Coruña a directora, Carmen Prieto. Pero non foi ata o último salto de século, arredor do ano 2000, cando viu a luz un mapa prodixioso que se custodiaba no edificio, sen ter verdadeira conta del, e que onte foi asunto principal da exposición que conmemora este aniversario.
Dobrado en acordeón entre un feixe de documentos vencellados a un preito pola demolición dunha presa a finais do século XVIII, durmía un plano do Ulla deseñado en 1800 polo perito Antonino Mariño como proba pericial que representa o río ao seu paso pola parroquia de Arnois, entre as provincias da Coruña e Pontevedra. O mapa, que foi restaurado no propio Arquivo, supera os catro metros de lonxitude e compúxose con varios pregos de papel que reproducen as formas curvas dos meandros.
«Os problemas de espazo no Arquivo foron constantes», dixo a directora diante da xigantesca vitrina. Ao seu carón, José López Campos, conselleiro de Cultura e durante 13 anos alcalde da Estrada, o municipio recollido no mapa, reivindicou «o papel dos arquivos históricos, grandes descoñecidos da cultura en Galicia». «Nos serven só polo seu labor de custodia, senón tamén pola súa recuperación de documentos que nos traen á memoria acontecementos e momentos históricos fundamentais na construción da Galicia que somos», subliñou.
Ata o 30 de xaneiro
A mostra inaugurada este mércores, que estará aberta no edificio do xardín de San Carlos ata o 30 de xaneiro, fai un percorrido a través de 61 documentos e 16 obxectos, desde expedientes xudiciais ata tombos de mosteiros, como o de Sobrado de 1592, o descomunal apeo dos bens e rendas do conde de Monterrei de 1784 ou o mazo da escribanía de Fariña, un envoltorio que garda dentro 83 preitos do século XVII e carga, cos seus 24 quilos de peso, coas dificultades de manexo e manobra que arrastra de vello a Xustiza.
Máis manexábeis, exhíbense tamén dúas causas xudiciais recorrentes na historia negra de Galicia. A de Manuel Blanco Romasanta, Sacaúntos ou home lobo de Allariz, considerado o primeiro asasino en serie de España tras confesar que matou entre 1840 e 1850 trece mulleres ás que atacaba en noites de lúa chea, posuído —iso alegou— pola maldición de converterse en lobishome. E o triplo crime de José García Peña, o Jalisco, que en 1948 matou cun abrecartas a súa muller, que fora secretaria de Castelao, a súa sogra e unha cuñada no pazo familiar de Arillo, en Oleiros. «Detrás desta exposición hai moitísimas persoas traballando na recuperación de documentos para poñelos á disposición dos investigadores», aplaudiu o conselleiro de Cultura.
Dispostas pola sala, baixo un friso que recolle os grandes fitos dos 250 anos do Arquivo, móstranse as cualificacións escolares de Debuxo de Picasso e Llorens —restra de sobresaíntes—, os libros índices iniciados por Vicente Álvarez de Neyra en 1777, aínda en uso, ou as anotacións do ilustrado Cornide sobre a sardiña para o seu Ensaio dunha historia dos peixes e outras produccións mariñas da costa de Galicia.