«O Breogán está agora mesmo nunha situación envexable»

Miguel Álvarez LUGO / LA VOZ

DEPORTES

Bao afirma que cando chegou á presidencia do Breogán, este estaba en quebra técnica.
Bao afirma que cando chegou á presidencia do Breogán, este estaba en quebra técnica. Carlos Castro< / span>

Antón Bao defende a non presenza das institucións públicas nas SAD

10 jun 2013 . Actualizado a las 17:28 h.

Antón Bao Expresidente do Breogán e concelleiro polo BNG

Antón Bao abandonou a presidencia do Breogán hai un ano e medio. Concelleiro do BNG na actualidade, amosa o seu desacordo coa presenza das institucións no accionariado das Sociedades Anónimas Deportivas.

-Levantouse unha poeira a semana pasada polo anuncio da marcha da Deputación do Breogán...

-Os clubs deben estar dirixidos por persoas independentes do poder político, aínda que as institucións estean por detrás apoiando. A labor que fixemos cando eu estaba no Consello, loitando por evitar a posible desaparición do Breogán, propiciou que cheguemos a o momento presente. Atrevome a dicir que o club está agora mesmo nunha situación envexable.

-Temeu nalgún intre polo seu patrimonio persoal?

-Evidentemente. Asumimos aquilo porque críamos que, politicamente, era o noso deber. Cando se fixo a auditoría externa, advertíronnos que, si ese desfase patrimonial non se solucionaba, recaería sobre o máximo accionista, a Deputación, e sobre nós, que éramos os membros do Consello, aínda que non creáramos o problema. Aquilo afectaba aos nosos bens particulares. Quitounos moitas horas de sono. Xente daquel Consello puxo diñeiro propio para solucionar algún pago puntual. Eu son político e teño que asumir as críticas exacerbadas, que creo que non son xustas. Pero os que non eran políticos non o merecían. Posiblemente, poderíase ter feito mellor. Pero resolveuse o problema. E, repito, o Breogán está agora nunha situación envexable.

-Non percibía os problemas do Breogán cando formaba parte do Consello encabezado por Raúl López?

-A situación viña arrastrada de moitos anos atrás. Nunca achacarei a ningún presidente do Breogán os males do equipo. Creo que todos os reitores do club sempre quixeron o mellor. Pero achaco problemas a que a Deputación, baixo o mandato do PP, poñía 1.2 millóns de euros cada ano. Nós rebaixamos esta cantidade á metade no noso primeiro ano. Eles non se preocuparon de nada, salvo de construír un palco VIP. O Breogán era como un organismo autónomo da Deputación. Ás veces, recibía máis diñeiro que o Inludes.

-Houbo escurantismo na axuda dun millón de euros que se concedeu con vostede coma presidente?

-Foi a responsabilidade da Deputación. Había un desfase patrimonial de case un millón e medio de euros. A SAD estaba en causa de disolución. Había dous camiños. Un era liquidar a sociedade, que non eximiría de pagar as débedas. O outro, intentar saneala a través de inxectar fondos públicos. Foi unha situación que nos trasladou Intervención. Todo aquilo foi consecuencia de quen decidiu que a Deputación fora máxima accionista do Breogán. ¿Que fas despois? ¿Déixalo tirado? E a xente non debe esquecer iso.

-Está a recibir duras críticas do PP...

-Antes de chegarmos ao goberno da Deputación, o Breogán recibía 1,2 millóns de euros cada tempada. A institución debería ter amosado un control cos diferentes presidentes que tivo o club, pero nunca se fixo. ¿Como se explica alguén que, despois de darlle 1,2 millóns de euros un ano tras outro, a SAD acabase en causa de disolución?

-Que me pode contar da débeda de 252.000 euros da Fundación Balogal co Breogán?

-Non sei o que ocorreu desde que me fun en 2011. Coa Fundación fóronse paliando débedas. Quedou algunha, pero deberán explicalo os xestores.

-Está ao corrente da actividade das demais fundacións?

-Sempre tiven preocupación por iso, por aclarar todo ese entramado creado ao redor do Breogán. Creo que a Balogal está en camiño de endereitar todo iso. Pero as outras supoñen un tema dificilísimo. Non estaban ligadas intimamente ao club. Nin se sabe onde están, nin quen a compón...

-Cre que se lle considera inimigo do Lugo?

-Non somos, para nada, inimigos do Club Deportivo Lugo. Eu comprei 50 accións a título persoal. Porque unha cousa é o meu parecer como cidadán e outra, o meu deber como responsable político. Que diga alguén da súa directiva se o Bloque deixou de apoialos nalgún momento. Cando ascenderon, viñeron a pedir que os axudásemos, e non houbo problema. Pero non somos partidarios de comprar accións dunha SAD neste momento tan terrible.

-Están en contra das axudas ás SAD?

-O primeiro que queremos no BNG é ser coherentes cos nosos posicionamentos. Historicamente, mantivemos unha postura de que as institucións públicas non entrasen no accionariado das SAD. Neste caso, non discutimos de axudas. Os clubes deben ser dos afeccionados e non depender de institucións, porque tense demostrado que iso non é positivo. Opuxémonos a que a Deputación fose máxima accionista do Breogán no seu momento. E agora fixemos o mesmo.