O CB O Meco destroza o seu teito co seu ascenso

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

cedida

O club celebra os seus primeiros 15 anos dando o salto á Primeira Autonómica

06 may 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

O bocinazo final a última hora da tarde do domingo na cancha compostelana do colexio La Salle pasou a formar parte do arquivo sonoro do Club Baloncesto O Meco. Unha entidade que disfruta aínda da ilusión dun adolescente, e que co seu empate a 63 celebraba os seus primeiros 15 anos de existencia derrubando o seu teito deportivo. Cun 79-62 favorable no encontro de ida sete días antes no Grove, o conxunto dirixido por Manu Bello acadaba o ascenso á Primeira Autonómica, a antiga Primeira Nacional. A categoría inmediatamente inferior á Liga EBA, á que accede coma gañador do play-off entre os subcampións dos grupos norte e sur da Segunda Autonómica.

Un éxito que nace dun plantel formado, agás un xogador, integramente por rapaces forxados nun club fundado en 1999. Lucas, Mou e Jon, na dirección, Dani Prol, Bruno, Mario, Nacho Rey, Palermo e o xuvenil Saul, no perímetro, e Cayetano, Álex, Pop e Nacho Charlín son os nomes dos heroes do O Meco, con Sandra Mourelos, delegada, e con Carmen Campos Muchi, fisioterapeuta, compartindo o traballo e o histórico éxito colectivo grovense.

Manu Bello salientaba onte como os seus homes aguantaron no segundo e no terceiro cuarto o arreón do La Salle, que chegou a poñerse 10 puntos por riba. O técnico lembra o mal comezo de Liga do equipo por mor das lesións, cun 2-3 de balance de saída, e como este acabou subcampión cun 16-4. «Na casa só perdimos co BBC -o campión sur- e na prórroga, e na segunda volta gañámoslles a todos os nosos rivais con moita facilidade, mesmo ao BBC por máis de 20». ¿A clave? «A confianza en que non iamos perder», di.

O presidente e alma mater do CB O Meco, Anxo Cormes, salientaba onte que o ascenso «é un espaldarazo ao labor que estamos a facer cos críos -o club conta con 14 equipos-. A Primeira é a máxima categoría á que posiblemente poidamos chegar». Agora toca buscar o orzamento.