
Diego Gondar asume a presidencia co reto de elevar un 25 % o número de xogadores do club a vindeira tempada, e de ver os dous equipos séniores nas fases de ascenso
18 jun 2014 . Actualizado a las 06:56 h.O Rasoeiro vén de acadar a estabilidade institucional que precisaba para seguir adiante cun modelo de club que esta tempada regalou a satisfacción de ver o primeiro plantel da súa historia nunha fase de ascenso a categoría nacional, da man das séniores de Javier Luengo. Na noite do luns once socios do Rasu deron o paso adiante, nucleados arredor do que fora vicepresidente e director deportivo no mandato que vén de concluír. Un Diego Gondar que multiplica por dous o número de directivos supervivintes, continuando tamén Miguel Otero, agora coma vicepresidente, Manuel Reino, no papel de secretario, José Manuel Pérez, en funcións de vogal, e Patricia Sánchez, como secretaria administrativa.
Xunto a eles, coma novos directivos, Marta Domínguez ocupa a tesourería, e completando o listado de vogais Carina Torres, Begoña Falcón, Fernando Rey, David García e Miguel Mouco.
Home do Rasoeiro máis de media vida, xogador no seu día e desde hai anos adestrador, faceta na que esta tempada dirixíu o equipo infantil masculino á División de Honra, o agora presidente Diego Gondar anunciou que os seus plans pasan por «seguir coa liña dos últimos anos, reforzando o traballo da base e a estrutura interna do club».
Entrando un pouco máis de cheo no discurso de Gondar, descóbrese a un home ambicioso, que aposta por elevar nun 25 % o número de licenzas do Rasoeiro a vindeira tempada, pasando das 120 actuais a unas 150.
Para conseguilo pretende «involucrar a todos os integrantes da entidade no funcionamento da entidade», incluídos, di, os propios xogadores, sen dúbida os mellores embaixadores que poida ter o Rasu.
Promocionar os séniores
No tocante aos equipos séniores, a nova directiva grovense é consciente do efecto tractor que teñen nos xogadores da canteira. De aí que a intención sexa seguir apostando forte por eles. O obxectivo, asegura Diego Gondar, é que «continúen os dous adestradores», Quito Parada, no cadro masculino, e Javier Luengo, no feminino, e que este repita a experiencia de xogar a fase de ascenso á División de Prata en paralelo a un paso máis do seu homólogo masculino. Neste senso, o presidente do Rasu lembra que os homes de Parada, inda cun plantel curto, quedaron preto de xogar a promoción á Primeira Nacional.