A etapa tivo dúas carreiras, a da fuga e a do pelotón, e ambas resoltas por dous corredores con experiencia e calidade, como Woods e Roglic, cada un na súa faceta. Pero sen lugar a dúbidas ambas carreiras viñeron marcadas polo mesmo: a dureza do Porto de Ancares. Aínda que a vertente que subiron non é tan dura como a galega de Pandozarco, ten unha ramplas durísimas. Destas que miras para arriba do cumio e ves que non chegas nunca.
Sobre a resolución da etapa, Woods é un ciclista que coñecemos ben, porque gañou en Ézaro no Gran Camiño do 2022, e tamén trunfou no Puy de Dome. Son deses ciclistas intelixentes e expertos, que non queiman cartuchos de balde, senón que cando apuntan, soen gañar. Creo que da fuga era o máis forte, co permiso de Vine e Van Aert. Vine é un gran escalador, pero a caída o descartou. Pero a determinación coa que arrincou a subida Woods, non creo que lle dese gañado.
E Van Aert é un espectáculo velo correr. Para que gañase tiña que haberlle funcionado algunha das anticipacións que intentou, porque el sabía que comezando o porto coa xente que levaba non podía. É unha cuestión de peso. Encántame a capacidade que ten de dominar unha fuga ao seu antollo. Merécese a gloria que non tivo pola caída de marzo.
E na resolución dos líderes da xeral, Roglic deu un paso adiante para gañar a súa cuarta Vuelta. Deixou dúbidas na etapa de Granada pero o día de Padrón gañou en confianza cando en Cruxeiras lle quitou trinta segundo a O’Connor. Roglic volveu a amosar ese ritmo que ten tan forte que vai deixando ciclistas. E do líder, creo que non ten a mentalidade tan forte do esloveno. Tiña que haber recibido máis axuda do seu compañeiro Gall? Habería que coñecer as instrucións do coche. A imaxe que se viu non é bonita.
E volvo ao inicio. Que marabilla o Porto de Ancares, un lugar para ensinar e para que se use para facer etapas. E a comarca e os seus veciños o merecen todo.