Paula Rodríguez, unha goleadora ás portas da elite: «Todo llo debo á miña nai e miña avoa»

DEPORTES

RFGF

A pivote da Pontenova marcou seis goles en tres partidos do Nacional xuvenil de fútbol sala e faise un oco co Vilalba en Segunda División con só 18 anos

26 feb 2025 . Actualizado a las 10:27 h.

Outra xoia do fútbol sala con ADN mariñán fascina a España e chama ás portas da elite. Tras moitos esforzos compartidos coa súa familia, Paula Rodríguez Fernández (A Pontenova, 2006) vén de ser a pichichi do Nacional xuvenil e con só 18 anos xa se fai un oco no Grupo Forma-T Vilalba, un dos conxuntos que compiten na zona nobre da Segunda División.

«Xa xogara outro Campionato de España sub-16, pero estes torneos son unha experiencia única, inesquecible, que non todo o mundo ten a sorte de vivir», detalla unha futbolista que proclama o seu «orgullo por defender á selección de Galicia e tratar de levala ao máis alto». Unha derrota por 2-0 ante Cataluña apeounas nas semifinais do certame sub-19: «Teñen un gran equipo, con moitas xogadoras xa en dinámica de Primeira División, moi boas a nivel técnico e táctico, pero seguimos o noso plan de partido e foi un choque moi igualado no que nós tamén tivemos as nosas oportunidades, aínda que non entraron».

Paula xa anotara seis goles en Madrid para contribuír ás vitorias por 15-1 contra Melilla e 1-6 fronte a Castela-A Mancha e converterse na mellor realizadora do Nacional: «Ser a máxima goleadora é algo incrible. Ía pensando en dar o máximo, axudar en todo o que puidese, pero nunca pensei que puidese lograr algo así». Con todo, a pontenovesa destaca que foi máis o que aprendeu das súas compañeiras e do corpo técnico liderado polos viveirenses Jorge Basanta e Iago Barro que o que deu: «En cada momento aprendín algo novo e tratei de aportar todo o que sabía». 

«Non dou un balón por perdido»

Malia ás súas impoñentes cifras goleadoras no Nacional, a mariñá defínese como unha futbolista máis traballadora que talentosa: «Son unha xogadora bastante intensa. Non dou un balón por perdido, o esforzo para min é innegociable. Son persistente e intento animar moito ás miñas compañeiras, tamén cando estou fóra da pista. O gol pode ser algo que me defina tamén, pero houbo tempadas mellores e outras peores, vai un pouco por xeiras».

Paula, ademais, trata de fixarse nas mellores xogadoras para seguir aprendendo: «Desde que empecei sempre tiven referentes moi claros no Burela. Peque e Dany son xogadoras que me chamaron moito a atención, oxalá ter as súas condicións, ou actualmente Emilly. Ao ser pivote, tamén me fixo moito en Laura Uña, que ten unha cualidades tremendas, e a súa compañeira no Poio Martita, que é supercorrecta en todo o que fai».

Seguindo os pasos de todas elas, Rodríguez Fernández comezou a escribir a súa propia carreira ben nova: «Tería seis anos cando empecei a xogar nas escolas da Pontenova, cos amigos. Eramos un equipo mixto e de varias xeracións mesturados. Logo xa nos fixeron ficha no Sporting Pontenova e con 12 ou 13 fichei polo Ribeira cadete e comezou o meu amor polo fútbol sala».

Dende entón anotou moitos goles, celebrou vitorias e chorou derrotas, de viaxe en viaxe polo seu soño de dar patadas ao balón: «Moita xente se sorprende da miña experiencia. Ao non ter equipo na Pontenova, pasaron anos levándome adestrar a Lugo. Case unha hora de ida e outra de volta, dúas ou tres veces á semana e a horas complicadas, ás nove ou dez da noite. Todo llo debo á miña nai e miña avoa polos esforzos que fixeron».

Actualmente estudando en Lugo, Paula incorporouse ao Vilalba este verán, está en dinámica do equipo de Segunda División e compaxina os seus partidos cos do filial, de Primeira Futgal e co que sumou nove goles en nove partidos. «Aínda que só adestramos dous días, temos un equipo xenial e estamos nunha boa dinámica. Oxalá podamos loitar entre os mellores ata o final», detalla unha promesa que soña con derrubar pronto as portas da máxima categoría. «É un soño e vou traballar ao máximo para conseguir xogar en Primeira, aínda que sei que é moi difícil. Verme xogando contra Emilly, Peque, Dany, Laura Uña ou Martita, que son referentes para min, sería incrible», asegura unha pivote da Pontenova que tamén acaparou focos grazas aos seus catro tantos contra Melilla e outros dous ante Castela-A Mancha no recente Nacional sub-19 coa selección galega.