Titirideza propón seis novas obras para a sexta edición do festival

L.G.C.

DEZA

23 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe arrinca en Lalín Titirideza 2007, o festival de teatro de monicreques que se celebra na capital do Deza por sexto ano. Ao longo de catro días, seis compañías galegas representarán para o público dezano os seus últimos espectáculos de títeres. Esta noite ás 21 horas a compañía Tanxarina, de Redondela, levantará o telón do festival de títeres coa representación de «Sombreiros sen chapeu» no novo auditorio. A obra que representará Tanxarina aborda a técnica das sombras chinesas para dar vida a unha historia con múltiples protagonistas entre os que se atopan dende un mago chinés ao popular Charlot.

Asentado cada vez máis no panorama cultural galego, o Festival Galego da Marioneta 2007 continúa mañá coa representación da obra «Do, re, mi, Mozart xoga aquí» da compañía Cachirulo. Será ás 21 horas no novo auditorio de Lalín. Pensada para un público infantil, a obra narra as aventuras de Amadeus e Náseri, dúas personaxes envoltas en esceas de misterio, que compartirán protagonismo coa música que acompaña a representación.

Xa para o sábado, a programación desta edición de Titirideza verase dobrada con dúas obras en cartel. A primeira será ás 18 hora na Praza da Vila. Danthea Teatro será a compañía encargada de dar vida a «O retablo de maese Pedro», unha obra que conxuga o teatro de actor, os títeres de varilla e os guiñoles. A obra, pensada para maiores de seis anos, ten como protagonistas a Don Quijote e Sancho Panza, que están a desfrutar dunha representación de monicreques que remata cunha desfeita.

A segunda obra que se representará o sábado correrá a cargo de Monicreques de Kukas, que presentarán ao público o espectáculo «Sen título 4x8x6 (técnica mixta sobre escenario)», unha representación na que amosan a maxia da creación artística presentada a través de monicreques, pintura en directo, informática, vídeo, poesía e música. Comezará ás 21 horas no novo auditorio.

Xa para a xornada dominical, Titirideza 2007 propón ás 18 horas a obra «The piccole theatre», de Trécola. Unha obra na que as protagonistas son os monicreques de fíos. E para clausurar o Festival Galego da Marioneta 2007, a compañía Trompicallo presentará «Nadarín» ás 22.30 horas na Praza da Igrexa. Un peixe de papel que se convierte nun peixe pez de verdade é o protagonista da historia.