A Estrada abre un balcón á Rapa

DEZA

Unha mostra amosa imaxes insólitas dos curros captadas polos profesionais participantes no concurso internacional de fotografía que gañou Marcos Míguez

21 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Estrada inaugurou onte unha mostra fotográfica sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo. Son catorce reportaxes gráficos. Oitenta e catro instantáneas presentadas ó primeiro concurso internacional organizado polo Concello. Pódense ver na sala de exposicións Caixanova da Estrada. Desde onte pola noite ata o 12 de xaneiro. O horario de visitas: de luns a sábado de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.30 horas, agás festivos. Entrada gratis, si.

Técnicamente, matemáticamente, está todo dito. Na práctica non. Hai que velo. A exposición inaugurada onte amosa imaxes insólitas da Rapa, olladas persoais, detalles invisibles, encadres poéticos e luces místicas. Ofrece un anaco de maxia da Sabucedo. Un balcón ó misterio.

O xurado do concurso, en vista da calidade das obras participantes, recomendou ó Concello a súa difusión nun catálogo. O primeiro premio concedeullo ó xornalista gráfico Marcos Míguez pola súa serie de fotografías Os cabalos do vento , cun peculiar sentido da luz que tingue a obra de dramatismo e misterio. Ó autor tocoulle onte poñerse frente ó obxectivo da cámara. «Estase máis nervioso deste lado», confesou. Marcos Míguez declarouse orgulloso doblemente por ser merecedor dun premio cunha importante dotación económica na súa primeira edición e na súa propia vila. Aproveitou a ocasión para loubar unha iniciativa que permite «ver imaxes da Rapa que doutra forma serían difíciles de ver». O certame e o catálogo son unha oportunidade única para abrir os caixóns oscuros dos fotógrafos e axexar neles, asegurou. Para rematar, o autor quixo explicar o título da súa serie. Os cabalos do vento fai referencia ó carácter etéreo e místico dos cabalos que os fai parecer concebidos polo vento. «Parece que levan o vento no seu lombo», explicou poñéndolle palabras ás súas imaxes.

Na inauguración, a concelleira de Turismo, Raquel López, reivindicuou un «Sabucedo universal». Sinalou que «a Rapa é un tesouro e coa creación deste premio imos axudar a que reluza como merece». Na mesma liña se pronunciou o director de Turismo, Rubén Lois, que ratificou o seu apoio a Sabucedo como exemplo no que pervive o espírito da aldea galega e á súa festa como «un dos eventos máis estéticos de Galicia». Rubén Lois comparteu coa ateigada sala de exposicións unha anécdota persoal. Estando no Soho de New York veu nunha das pantallas xigantes da rúa unha imaxe da Rapa de National Geographic. O cóctel instantáneo metrópole-aldea non se lle esquecerá nunca. «Este concurso de fotografía era necesario para que poidamos admirar imaxes irrepetibles e para conseguir unha excelente colección de fotografías sobre a Rapa», sinalou.

O misterio da Rapa non se pode descobrir nunha sala pechada nin nas páxinas do catálogo da mostra. Por moi coidada que sexa a edición e moi suxerente o limiar de Manolo Rivas. A maxia da Rapa hai que ir buscala a Sabucedo. Pero a fotografía ábrenos unha porta e empúrranos cara ela.