Espectáculo de bravura en Sabucedo

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA |

DEZA

Máis de 1.500 persoas seguiron en vilo a loita corpo a corpo entre homes e cabalos salvaxes no primeiro curro da Rapa das Bestas, que rematou sen lesións importantes

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Fai falla ser moi bravo para meterse no curro de Sabucedo. En festas similares empréganse cordas ou paus para doblegar ós cabalos salvaxes e conseguir rapalos sen esforzo de máis. Na Rapa das Bestas de Sabucedo, a loita é corpo a corpo. Os aloitadores non coñecen o medo. Saben que é difícil saír do curro sin algún golpe pero non dubidan á hora de meterse nel. Onte pola tarde voltárono facer unha trintena de aloitadores que puxeron en vilo ás 1.500 persoas que acudiron ó curro para presenciar o espectáculo. Entón, máis da metade do traballo xa estaba feito.

De madrugada centos de persoas subiron ó monte para colaborar na busca e conducción dos animais ata a aldea. A pé, a cabalo ou en quads e todoterreos, persoas de toda Galicia e algúns estranxeiros prestaron o seu apoio para reunir as bestas que viven todo o ano nos montes dos arredores de Sabucedo. Non foi fácil. A néboa aliouse cos animais e impediu que moitos fosen localizados. Ó final conseguiron baixarse preto de catrocentos.

No curro celebrado pola tarde houbo sorte. Algúns golpes sobresaltaron ó público, pero o espectáculo rematou sin necesidade de asistencia médica. Iso a pesares da loita para tentar deitar ós cabalos na area para rapalos co menor perigo. E a pesares da irreflexiva bravura dos aloitadores de Sabucedo. San Lourenzo acompañou ós veciños. Os que non axudaron tanto foron os programadores do mundial de fútbol. A iso das oito e media, coa Rapa nos seus últimos momentos, algunhas das gradas comezaron a vaciarse. A Rapa ten moito tirón, pero a selección parece que tamén.