
A nova tempada cultural da vila inclué máis de vinte propostas
06 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O edil estradense responsable de Cultura, Juan Constenla, presentou onte a nova tempada de actuacións no teatro Principal. O programa -que arrancou onte cunha comedia de Mofa e Befa- inclúe máis de vinte propostas nas que se inclúen teatro, maxia, música e actividades literarias. No cartel destacan un concerto de María do Ceo, Iván Ferreiro e o showman Quequé.
A fadista María do Ceo actuará o sábado día 10 de novembro ás 21.30 horas. Considerada como a sucesora de Amalia Rodriguez, María do Ceo une as influencias do sentir portugués coa dozura natural do idioma galego. Os seus concertos son unha explosión de beleza e sensibilidade. A entrada para a súa actuación no Principal custará 10 euros.
Ó día seguinte, o domingo 11 de novembro, o humorista Quequé poñerá en escena o espectáculo Sesión golfa ás 19.00 horas no Principal. Coñecido pola súa colaboracións con Buenafuente e Eva Hache e as súas repetidas aparicións en El Club de la Comedia, Quequé pasa por ser a día de hoxe un dos showmans e monologuistas máis valorados da escena nacional. A entrada anticipada custará 9 euros en Atrápalo. En taquilla serán 10 euros.
A programación de novembro inclúe ademais a undécima edición do Certame de Novos Intérpretes Solistas José Valcárcel o sábado 3 ás 19.00 horas, a actuación da orquestra de música folk contemporánea Son de seu o sábado 17 ás 21.30 horas (entrada de balde), o festival Lume na lareira o domingo 18 ás 18.00 horas (5 euros), o concerto de Santa Cecilia da Banda de Música Municipal da Estrada o sábado 24 ás 20.30 e o concerto no que o grupo Retrouso de Ouzande presentará o seu primeiro disco o venres 30 ás 21.00 horas.
Decembro será o mes da música, o teatro infantil e a poesía. Ábrese o sábado 1 cun concerto de Santa Cecilia da Banda Cultural da Estrada ás 20.30. O mércores 5 ás 20.30 terá lugar a Festa da Poesía. O venres 7 Iván Ferreiro ofrecerá ás 22.00 horas un concerto acústico cos temas do seu último álbum, Confesiones de un artista de mierda. A entrada costará 10 euros anticipada e 12 en taquilla. O día 15 ás 21.00 horas terá lugar o concerto Sons de Nadal, organizado pola Coral Polifónica de Berres e os días 21 e 22 Malasombra Teatro poñerá en escena Smoke City (5 euros) ás 21.00 horas.
Do mércores 26 ó venres 28 de decembro ofertarase teatro para bebés e nenos. As funcións serán os tres días ás 12.00 horas. Os dous últimos a entrada custará 3 euros. O 26 Caramuxo Teatro presentará o espectáculo ¡Ñam!, unha función pensada para bebés e centrada no mundo dos alimentos. Para ver, escoitar, ulir e saborear en familia. O 27 Berrobambán escenificará Bicharada, un espectáculo de humor sin palabras. O 28 Baobab Teatro espertará os cinco sentidos dos máis pequenos con Babs.
O sábado 29 ás 12 Peter Punk protagonizará Peter Punk e o neno imperdible (3 euros). O 29 será o concerto de Fin de ano da Banda Municipal (21.00 horas, entrada de balde) e o 30 o Mago Romarís ofrecerá os seus mellores números ás 12.00 horas (3 euros).
Para este mes
No que queda de outubro, o Principal acollerá o próximo venres 12 ás 21.00 horas a obra Ladrón e familia, de Teatro Astracán (3 euros) e o sábado 27 un novo pase de Cabaré, a última produción do grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro.