A Estrada acollerá o venres 13 unha nova Festa da Poesía

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA

DEZA

Os participantes recibirán como agasallo un poemario de Elvira Riveiro e unha litografía de Puri Togariños

05 dic 2013 . Actualizado a las 20:25 h.

O teatro Principal da Estrada acollerá o venres da vindeira semana, día 13, a oitava edición da Festa da Poesía, organizada pola editorial Fervenza. Será a partir das 20.30 horas no teatro Principal da vila.

O acto organízase en tres apartados. O primeiro será unha homenaxe ó poeta Xosé Couceiro Bugallo, no que se personifica o recordo de moitos amigos da arte e das letras que faleceron nos últimos anos. Segundo lembrou onte o director da editorial Fervenza, Xosé Luna, moitos deles eran asiduos da Festa da poesía, como Avelino Pousa Antelo, Paco Lareo ou o párroco Manuel Castiñeira, que ten adiantado algún oficio relixioso para poder acudir á cita.

A segunda parte será a entrega do premio á gañadora da última edición do certame de poesía Avelina Valladares. O Concello da Estrada decidiu o ano pasado enmarcar a entrega na Festa da poesía. Elvira Riveiro Tobío recollerá o venres o galardón polo poemario Corpos transitivos, que acaba de ser editado por Fervenza. Exercerá tamén de pregoeira da festa.

O terceiro apartado do acto será a lectura pública de poemas, aberta a todo o mundo. Ata o de agora están anotadas 80 persoas, de 4 anos en diante. Algunhas chegarán desde Lugo, Ourense ou Vilagarcía. Tamén se conta coa presenza dalgúns colectivos, como un grupo de mozos de Tequexetéldere que recitarán vestidos co traxe galego de gala e os maiores da residencia, A organización espera superar o cento de participantes, achegándose, coma na última edición, ós 200. «Non queremos facer un Guinnes, trátase de que participe quen lle apeteza. É unha festa da palabra e da liberdade», explicou Luna.

Cada participante recibirá un exemplar do poemario Corpos transitivos e unha litografía de temática mariña da artista Puri Togariños.