
O contacontos participa nunha das citas narrativas máis prestixiosa da península, a que se celebra en Guadalajara
13 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O Seminario de Literatura Infantil y Juvenil de Guadalajara voltou a retomar a celebración, coa entrada do novo ano, o seu denominado «Viernes de los Cuentos» que arrancou o 17 de xaneiro no Centro Municipal Integrado Eduardo Guitián pero que se extende ata o vindeiro mes de xuño. E é que os «Viernes de los Cuentos» se desenvolven como antesala ao tradicional Maratón de los Cuentos, da segunda fin de semán de xuño e no que non faltan tampouco as sesións de contos nocturnos. Unha ampla programación á que están convidados narradores nacionais e internacionais, e á que está convidada Celso Fernández. O narrador lalinense actuará este venres para público adulto, unhas catrocentas persoas, e o sábado para nenos na Biblioteca Pública de Guadalajara. «É unha ilusión poder estar nesta cita narrativa, que está considerada como a mellor da Península, e tamén supón un agradecemento público a Quico Cadaval que lle falou de min aos organizadores». Celso acode a Guadalajara cargado de «historias de aquí. Falarei das aldeas, das persoas, das vivenzas».
Esta iniciativa, ideada polo Seminario de Literatura, cumpre a súa decimoséptima tempada na vida cultural da cidade cunhas sesións que se celebran un venres ao mes, de outubro a maio habitualmente, na que participa un importante volume de narradores e contacontos chegados dende distintos rincóns do mundo.
As noites de contos véñense levando a cabo na biblioteca da vila, no salón de actos do centro cívico e durante quince anos no salón de actos do Instituto de Secundaria Brianda de Mendoza. Dende a pasada tempada, as sesións dos «Viernes de los Cuentos» se están a celebrar no salón de actos do edificio municipal Eduardo Guitián, no barrio de Aguas Vivas, o que permitiu ampliar o aforo a estas sesións de narración oral que contan con centos de espectadores. Despois de Celso Fernández pasarán por Guadalaja Tim Bowley e Charo Pita (14 de marzo), Yoghi Hioki (11 de abril) e Victoria Siedlecki en maio.