Menos personalismo e máis futuro

Rafael Cuíña TRIBUNA ABERTA

DEZA

15 abr 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

Lía con atención este pasado domingo 13, nas páxinas de La Voz de Galicia, unha entrevista ao actual rexedor lalinense José Crespo, nas que facía referencia á pouca preocupación que lle podería causar unha hipotética candidatura de quen lles escribe, á alcaldía de Lalín, se así o deciden os militantes de Compromiso por Galicia.

Non podo estar máis de acordo con Crespo. Efectivamente, os proxectos de futuro para este pobo, non poden estar viciados por cuestións personalistas nas que os egos son máis importantes que o obxectivo final. O importante non é nin José Crespo, nin moito menos Rafael Cuiña? o importante é saber se este presente imperfecto que vive Lalín, responde á potencialidade deste pobo, ou hai unha alternativa sólida ás políticas que levaron a este Concello, exemplar en outros tempos, á debacle actual. Chegará o momento de falar do porque da situación actual dun pobo, que en tempos foi referencia de progreso e modernidade social e industrial, e agora malvive dependendo de eventos gastronómicos necesarios, mais aos que ao mellor están sobredimensionando en ocasións até o ridículo.

A min gustaríame saber porque non existe un plan integral de apoio ao comercio local, ou porque aos gandeiros se lles minte sobre a cuota láctea en reunións ad hoc baseadas na máis lamentable propaganda. Tamén sería importante saber como se están xestionando os cartos do proxecto DepoDeza, ou porque non se presiona á banca rescatada cos cartos de todos, no momento que espreme ás empresas deste pobo en tempos difíciles, cando nos anos de bonanza pagaron tantos salarios de empregados de banca coa súa produtividade. Sería interesante falar tamén do porque de determinados silencios da asociación de empresarios, e se realmente esta ten unha funcionalidade práctica para eles, ou é un instrumento máis ao servizo do non se sabe que? Un pobo cos niveis de inseguridade que temos, co comercio destruído, e coas empresas afogadas, estarán comigo de acordo en que ten outras prioridades que o «Porco lalaíno»

A inversión en pistas do rural sempre é necesaria, aínda que rinchen determinados anuncios ao máis puro xeito da precampaña das municipais un ano antes, mais un preferiría, que o rural lalinense, non fose un simple celeiro de votos coidado por lugartenentes vixiantes, senón un espazo vital para esta comarca, no que o seu inmenso potencial agro-gandeiro sexa algo máis que unha etiqueta utilizada de xeito interesado, para pasar a ser unha realidade.

Por iso, e se así o queren os cidadáns, por suposto que falaremos do Lalín do futuro, e non de José Crespo e Rafael Cuiña, porque para batalliñas persoais, eu sinceramente, prefiro quedar na casa.