A coral agolense estrea soneto de Neruda, na Santa Cecilia

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

A formación coral interpretará un par de obras cos gaiteiros de Bico da Balouta.
A formación coral interpretará un par de obras cos gaiteiros de Bico da Balouta. miguel souto< / span>

Agrupacións musicais de Agolada son das primeiras da zona en ofrecer un concerto para celebrar a festividade da patrona

12 nov 2014 . Actualizado a las 05:03 h.

O Salón de actos do Centro Social da Terceira Idade de Agolada é o escenario escollido para a celebración este sábado, 15 de novembro, da festividade de Santa Cecilia por parte de tres formacións musicais do municipio. A Banda de Música de Agolada, que ao día seguinte participará no VIII Certame Galego de Bandas de Música en Santiago de Compostela, a Coral Polifónica de Agolada e os gaiteiros de Bico da Balouta protagonizarán un concerto que se espera sexa -coma en anos anteriores- multitudinario.

Unha ocasión para que os agolenses poidan escoitar o traballo musical das agrupacións locais. A coral polifónica, que dirixe Alejandro Piñeiro, ten previsto interpretar unas sete obras dun repertorio que será toda unha novidade e un estreo no municipio. «Imos meter cancións novas que non se cantaron na casa. Ao certame de Arbo levamos a «Negra Sombra» pero na vila non tiveron a oportunidade de escoitala e imos interpretala», sentencia o director da masa coral. Malia o gran estreo estará no Soneto 66 de Pablo Neruda. «É unha adaptación que fixo Javier Busto. Trátase dunha obra pouco coñecida que pode semellar fácil de interpretar pero non o é. Supuxo moito traballo e fomos quenes de preparala en só tres semáns cando o normal é tela lista en dous ou tres meses», comenta orgulloso Piñeiro. Unha formación que tamén cantará a «Ruada de Chamosa», a «Pandeirada de Ourense» e interpretará un par de obras cos gaiteiros de Bico da Balouta: a propia «Muiñeira da Balouta», que recolle o grupo no seu disco; e a «Muiñeira de Santo Amaro».

Un concerto no que non actuarán en conxunto banda e coral debido á importante cita que terá a formación bandística ao día seguinte. «Deixaremos esa posibilidade para outra cita, ao mellor no Concerto de Reis, xa que os músicos irán ao certame de bandas de Compostela».