Ecos activa a súa campaña de Nadal e establece cuota anual de cen euros a socios

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

A asemblea do mércores serviu para presentar a directiva de Ecos ao completo.
A asemblea do mércores serviu para presentar a directiva de Ecos ao completo. miguel souto< / span>

A asociación silledense prevé modificar os estatutos do colectivo, por seren moi antigos, e presentalos no mes de xaneiro

14 nov 2014 . Actualizado a las 05:07 h.

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (Ecos) celebrou asemblea o pasado mércores co gallo de presentar oficialmente á nova directiva. O presidente Alberto López acudiu ao encontro arroupado polas catro persoas que aceptaron acompañalo nesta andaina; Pilar González que se fai cargo da tesoureiría da asociación (cargo que xa ostentaba coa anterior directiva de Ecos), César García é o novo secretario namentras que Patricia González e Verónica García exercen como vogais. «Quixen que fose unha directiva impar, de cinco persoas, para evitar que o voto do presidente valga o dobre. É unha directiva con xente que xa coñece a dinámica do colectivo, ao estar con anterioridade na xunta directiva, e novas apostas persoais», afirma o presidente. Encontro, o do pasado mércores, que se aproveitou tamén para dar a coñecer a campaña de Nadal que se pretende desenvolver no municipio. A actividade máis peculiar será un concurso; o do escaparate equivocado, que está enfocado para «potencializar a visibilidade dos escaparates dos comercios silledenses e que os días 25 de decembro e 6 de xaneiro a maioría dos agasallos que entren nos fogares da vila procedan do comercio local». O concurso, que se desenvolverá o 19 de decembro e o 2 de xaneiro, consistirá en que cada escaparate do establecemento participante conte cun determinado produto equivocado que clientes, consumidores e viandantes deberán de identificar. «Aqueles que atopen o produto en discordia obterán premios. Na maioría a idea é que sexan billetes Ecos que se poderán canxear nos establecementos». Segundo o presidente da asociación silledense neste concurso da vindeira campaña de Nadal poderán participar todos os establecementos asociados que aporten produtos para o escaparate «e tamén os non socios que acudiron á asemblea. Ao contabilizarmos só un caso, pensamos que polo feito de que non houbo tempo material para espallar a iniciativa a todo o municipio, poden acceder a nosa páxina web e informarse sobre a posibilidade de tomar parte na iniciativa»

Colectivo que está actualmente mergullado en varios cambios que se ciñen a remozar a páxina web e introducir cambios significativos nos estatutos da entidade. «Adicaremos a inversión que sexa precisa o cambio da nosa páxina. Queremos que conteña novas, concursos con sorteos mensuais en forma de billetes Ecos, que haxa un xeolocalizador de todos os establecementos asociados... Pretendemos que sexa un espazo dinámico e de consulta». Outro dos asuntos sobre os que traballa a directiva de Ecos é a modificación dos estatutos do colectivo por atoparse antigos, segundo o presidente. «Hai que aportarlle máis participación e responsabilidades aos socios e só se pode facer cun cambios nos estatutos. A idea é convocar unha asemblea extraordinaria en xaneiro para presentalos e oficializar as cuotas aos socios». Cuestión que xa se abordou na xuntanza do mércores, malia a non figurar na orde do día, e onde se acordou fixar un desembolso de 100 euros ao ano por parte de cada socio. «Cantidade que estaría suxeita a revisión».