A Malla Tradicional de Doade, de interese turístico galego

M. Blanco Villar TRIBUNA ABERTA

DEZA

19 may 2022 . Actualizado a las 13:51 h.

Malla Tradicional de Doade (Lalín), un dos meirandes eventos etnográficos do interior de Galicia, promovido dende hai 22 anos polo Museo Etnográfico Casa do Patrón, que se celebra o penúltimo sábado de agosto na aldea de Codeseda (Lalín), no mesmo centro xeográfico de Galicia, foi declarada polo Consello da Xunta Festa de Interese Turístico de Galicia o día 21 de abril do 2022, en base á singularidade e calidade das recreacións, número de asistentes e visitantes, valor cultural do evento, arraigo entre a poboación local, infraestruturas e equipamento utilizados, innovación, coidado da contorna urbanística e paisaxística na que se executa e grao de difusión do evento.

Trátase da recreación histórica do maior traballo comunitario do interior de Galicia durante séculos, que representa a culminación do proceso do pan, reproducido na súa totalidade polo museo cada ano, que abrangue dende a sementeira do centeo no mes de abril, a sega e o atado dos mollos no mes de xullo, a propia malla en agosto, coa posterior moenda do gran en muíño de regueiro e finalmente o cocido artesanal do pan en forno de leña. É a gran malla da Galicia central, unha completa xornada etnográfica, gastronómica e festiva do máximo nivel, celebrada nunha paraxe natural dun enorme valor paisaxístico e medioambiental, posta en escena por unhas 70 persoas da aldea de Codeseda, a parroquia de Doade, e veciños doutras de Lalín, cunha masiva afluencia de público, que comeza co carrexo dos mollos e a feitura da meda, unha mostra de artesanía galega, unha exposición completa de malladoiras, motores e aventadoras, e outra exposición de pinturas relacionadas co proceso do pan. O acto central, consiste na recreación, o máis fidedigna posible, da totalidade de modalidades históricas da malla nesta comarca, por orde cronolóxico: malla á pedra, que xa facían nos nosos castros antes de Cristo, malla con males, con malladoira manual, con máquina, motor e aventadoras, e finalmente, malla co tractor. Todo isto é explicado e comentado para o gran público por especialistas en cada materia. Tras facer entrega do premio anual á muller e ao home mellor vestidos de época, celebramos unha comida de confraternidade numerosa asistencia participantes e visitantes presenciais, baixo carpa ao aire libre, cunhas espectaculares vistas do Val do Asneiro, e pola tarde organizamos o Serán da Malla, no que participan varios grupos folclóricos da comarca de Deza.

Dende a Casa do Patrón, como entidade promotora do evento, queremos manifestar a nosa máis profunda gratitude cara á leal e desinteresada colaboración de tanta xente, dende o primeiro momento de xeito ininterrompido ao longo de tantos anos, para que esta singular malla non deixara de executarse, incluso nos peores momentos da pandemia, como foron a totalidade dos veciños de Codeseda, Doade e algúns das parroquias limítrofes, as asociacións de Cercio e Zobra, aos que se foi unindo logo outra xente, entre a que merecen especial mención Maximino Míguez, coa súa total implicación, a asociación veciñal de Vilatuxe, os promotores doutras mallas como Silleda, Queiróas da Igrexa (Allariz), Puxedo (Lobios) e Ansemil (Ordes), diversos propietarios de máquinas e motores de Lalín, Silleda, Lugo, Baleira, O Pino, Sigüeiro e Viveiro, medios de comunicación locais, provinciais e autonómicos, organismos oficiais (Xunta, Deputación e Concello de Lalín) e tantas outras persoas benqueridas, moitas das cales xa non poden acompañarnos hoxe na celebración deste inmenso éxito compartido.

Para min é unha inmerecida honra e un indescritible orgullo ter liderado ao formidable equipo da Casa do Patrón, arroupado por tantas xentes procedentes de toda Galicia, ata acadar as máis altas cotas da etnografía galega. Esta malla, que sempre se caracterizou por ser un traballo comunitario executado polo pobo e para o pobo, do xeito máis humilde, auténtico e tradicional posible, como homenaxe aos antepasados, agora pasou a formar parte da historia de Galicia, sendo oficialmente a gran malla de todos os galegos, aos que lle pedimos que nos acompañen o 20 de agosto do 2022, sábado, na súa XXIII edición á que tamén quedan invitados os centos de visitantes que recibimos por estas datas cada verán.