Rocío Toxo: «Hai unha cuestión psicolóxica: xente que vive fóra e non se ve como emigrante»

X.M.P. LUGO / LA VOZ

DEZA

13 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Rocío Toxo, que naceu no concello do Pino, escolleu o Campus Terra para a tese de doutoramento. Presentouna a fiinais de novembro, e dirixírona Isabel García, profesora do Departamento de Economía Aplicada, e Carlos Allones, pertencente ao de Socioloxía.

Que a xente deixe as zonas rurais na xuventude non supón que as esqueza para sempre. Por unha banda, Rocío Toxo lembra que unha gran maioría desa xente nova segue a vivir en Galicia, co que a distancia non é moi grande; por outra, comenta que boa parte desa xente segue a manter, sobre todo nas fins de semana, o contacto co lugar de orixe.

Esta investigadora amósase escéptica sobre a capacidade dos concellos para evitar o despoboamento. Porén, si se pode facilitar que a xente nova se sinta protagonista e así teña máis gana de manter ese contacto. «Hai xente que desexa participar na vida do seu concello e non ten apoio», di. Ese contacto nas fins de semana inclúe trazos algo singulares. «A ollada individual é algo psicolóxico: hai xente que vive fóra e que non se percibe como emigrante», explica.

Contacto coa vida local

Os que volven con frecuencia ao lugar de orixe convértense nunha axuda para a economía local, sobre todo para o sector servizos. Outra xente deixa un lugar rural e remata vivindo noutro, polo xeral máis preto de cidades. A situación pode resultar algo curiosa, aínda que Rocío Toxo sabe atoparlle explicación, e di que non todas as persoas que queren vivir no rural desexan vivir no lugar onde naceron.