O festival As Nosas Músicas arranca hoxe con dous días de festa rachada

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

A cita atrae a centos de persoas e xa é un clásico no circuito galego

12 ago 2023 . Actualizado a las 21:54 h.

O festival As Nosas Músicas arrancará hoxe domingo unha das súas edicións máis ambiciosas, con dous días de actividades, mostra de artesanía complementaria e servizo de autobús. Todo na localidade de Couso (A Estrada).

A asociación cultural A Xesteira ten todo preparado para a festa, que comezará maña domingo cunha sesión vermú ás dúas da tarde animada polo grupo A Requinta de Carcacía. Pola tarde, desde as 16.30 horas, haberá un obradoiro infantil de instrumentos musicais baixo a dirección de Oli Xiráldez. Ás cinco da tarde inaugurarase a primeira edición da Mostra de Artesanía As Nosas Músicas e media hora despois comezará a ruada. Nela participarán os grupos Galega de bailables, Retranqueiras, Silandeiras, Bouba e Requinta da Laxeira.

O aperitivo non está nada mal, pero o día grande do festival será mañá luns, cadrando, coma sempre, nas vésperas da Santa María.

Neste caso o cartel tamén traerá unha novidade: un obradoiro de toques de campás que se celebrará a partires das 12.30 horas na igrexa de Couso. Estará impartido por membros da Asociación de Campaneiros de Galicia, coa intención de recuperar e difundir esta tradición, como se fixo hai anos na parroquia de Ouzande e máis recentemente na de San Xurxo de Cereixo, que acolleu o primeiro congreso galego de toques de campá.

A música do grupo Faíscas da Pontragha animará a sesión vermú no campo da festa a partir das dúas da tarde do luns. Faíscas da Pontragha é unha murga ou charanga tradicional que sabe moito de animar a festa.

Ás 17.00 horas comezarán os xogos tradicionais, abertos á participación espontánea de rapaces e maiores. Ás sete da tarde o grupo Seisdedos ofrecerá o espectáculo de títeres O galo Quirico e os seus amigos. Para rematar a tarde, ás 20.15 horas terá lugar un taller de iniciación ao baile tradicional impartido por Nuria Gesteira. Será un bo adestramento para non quedarse quieto no campo na sesión nocturna.

O cartel

O cartel inclúe este ano a actuación de cinco grupos. Desde as 21.30 horas farán festa en Couso Os Melidaos, Coanhadeira, Os Carunchos, Tiruleque e Art-Monium.

Os Melidaos son un grupo de música tradicional que tocan e cantan e que xa teñen catro discos publicados. Pola súa banda, Coanhadeira vén sendo unha agrupación de música folk que naceu no ano 2006 para mostrar ao mundo o folclore galego conservado a través da tradición oral.

Os Carunchos, que se crearon no 1994 na cidade de Vigo, mesturan temas cantados da tradición oral co repertorio de gaiteiros solistas e Tiruleque é un proxecto musical iniciado como quinteto que mesturou a música galega tradicional con moitas outras influencias, incorporando distintos instrumentos cos que levar máis alá a tradición.

Por último, Art-Monium é un grupo de música, animación e teatro de rúa que se encargará de facer animación a pé de pista.

Premio ao Festival de Pardiñas

Desde hai seis anos, A Xesteira aproveita o festival para recoñecer a traxectoria de persoas, colectivos ou artistas que contribúen a engrandecer a cita de Couso ou a difundir a tradición musical galega. Nesta ocasión, o sexto Premio As Nosas Músicas será para a Asociación Xermolos e o Festival de Pardiñas, un dos máis antigos de Galicia e que vén de celebrar a súa edición número 44 en Guitiriz (Lugo). Fará a entrega do galardón Xaneco Tubío, presidente da Asociación do Baile e a Música Tradicional Galega.

Área gastronómica con distintas opcións de comida, bar e ecovasos á venda por un euro

No festival As Nosas Músicas non faltarán a comida nin a bebida para repoñer as forzas necesarias para seguir facendo festa ata a mañá do martes.

No entorno do campo da festa haberá unha zona gastronómica con diferentes postos de comida e sitio habilitado para desfrutar dela. A firma Río Ulla ofrecerá catro opcións: bocadillo de xamón asado, bocadillo vegano e patacas bravas ou patacas alioli. Pepa a Loba porá a disposición dos festeiros pizza enteira ou en porcións. Por último, a polbería Sanjurjo ofertará o menú máis enxebre, con churrasco, polbo e pan.

Desde a organización convidan aos visitantes a colaborar coa festa consumindo no bar xestionado polos veciños en lugar de facer botellón. Explican que os prezos serán populares e non se servirán bebidas alcólicas a menores de idade.

O colectivo tamén está comprometido co medio ambiente. Pide que se xere a menor cantidade de residuos e que se empreguen os contenedores de lixo. Da mesma forma convidan a facer uso dos denominados ecovasos, que son reutilizables e que se venderán a un euro.

Servizo de bus desde A Estrada, zona de acampada gratuíta e aparcadoiros «á vontade»

A asociación cultural A Xesteira ten todo preparado para que ninguén quede sen ir á festa e ninguén se arrisque a coller o coche despois de beber.

Para quen non queira ou non poida levar vehículo, a noite do luns haberá un servizo de autobús prestado pola empresa Exprés de Vea. O autocar sairá da praza da Farola da Estrada ás 21.00 horas. Fará parada tamén en Pontevea e chegará ata o campo da festa de Couso. Para o regreso haberá dúas opcións. Poderase volver ás 4.30 horas da madrugada, cando está previsto que rematen os concertos, ou ben ás 6.00 da madrugada, quedando tamén á foliada que adoita estirarse ata o amencer.

Para quen leve coche, no entorno do campo da festa haberá aparcadoiro sen unha tarifa fixa. Os usuarios pagarán á vontade, segundo informan desde a organización.

Durmir na carballeira

Por último, tamén está dispoñible unha zona de acampada para quen queira quedar a durmir despois da festa. A zona de acampada está habilitada á sombra dunha fermosa carballeira e conta con servizo de baños.