
O pasado sábado, 19 de agosto, despois dunha intensa semana de traballos previos de montaxe de exposicións de máquinas, motores, postos de artesanía e galería de pintura, tivo lugar na contorna da Casa do Patrón de Codeseda a XXIV edición da Malla Tradicional de Lalín, Festa de interese Turístico de Galicia, cun rotundo éxito de participación veciñal e unha nutrida asistencia de público, malia a adversa climatoloxía reinante. Tras 23 anos consecutivos de execución desta malla, tivemos unha invitada de honra, a choiva que tanto nos caracteriza, que tamén quixo facer acto de presenza e participar na malla, facéndoa, se cabe, un pouquiño máis difícil, pero, sobre todo, apagando a seca dos nosos campos, suavizando as temperaturas e asentando o po, para lembrarnos que estamos no centro dun paraíso chamado Galicia. Xa pasaron nada menos que 24 anos dende que, por casualidade (ou non), un pequeno grupo de veciños románticos, dos que por certo xa poucos quedamos, ocorréusenos poñer en marcha o motor da malladoira que tiñamos no museo, coa que aínda continuamos mallando hoxe.
Nin aquel día, nin durante moitos anos máis entraba nos nosos mellores soños chegar a facer a gran malla de todos os galegos, hoxe recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Pero pasiño a pasiño, iso foi posible grazas ao noso traballo constante, a nosa fe inquebrantable e, sobre todo, ao voso incondicional apoio durante tantos anos, que non foi capaz de paralizar nin a terrible pandemia da COVID-19. Se nos anos 2020 e 2021 fixemos as mallas de maior tristura e saudade, debido as circunstancias, coa ausencia de público, foi a deste ano a malla máis sufrida e sacrificada, pola persistente choiva durante toda a mañá, pero executámola igualmente na súa totalidade, supoñendo un enorme esforzo adicional para todos os participantes, que demostraron de novo unha excepcional afouteza en calquera circunstancia.
O noso máis profundo agradecemento a Maximino Míguez (Maxideza), pola súa estreita e continuada colaboración; a Andrés de Budiño (O Pino); Ánxel Santos, de Lugo; Manuel Iglesias, de Silleda, pola súas aportacións á exposición de maquinaria; aos 7 artesáns de galegos que montaron puntualmente os seus postos nun día tan desapacible, os 13 pintores do Lalín, Ourense, A Coruña, Brasil e Colombia que expoñen as súas creacións na III Mostra de Arte da Malla, que continuará aberta ao público no Museo ata o vindeiro día 12 de setembro, as 8 agrupacións musicais que participaron no IX Serán da Malla.
Tamén ás autoridades presentes, encabezadas polo Conselleiro de Cultura Román Rodríguez, o Alcalde de Lalín, José Crespo, os Concelleiros de Lalín, Avelino Souto, José Cuñarro e Noelia Seijas, os servizos de Protección Civil de Lalín, auténticos anxos gardiáns en todos os nosos eventos. Todos eles se empaparon con nós, xunto cos milleiros de amigos e colaboradores da Casa do Patrón, procedentes de todos os recunchos de Galicia, dende a Costa da Morte, ata Pena Trevinca; dende Viveiro ata A Guarda... Celebramos igualmente o apoio masivo da xente de Lalín e da Comarca de Deza, dun xeito especial o dos veciños da parroquia de Doade, tanto os que habitan nela, como os que xa non o fan, pero continúan sentíndose veciños nosos, porque aman profundamente o lugar onde naceron, demostrando un fidelidade extrema coa nosa malla, formando unha piña que constitúe o noso maior activo, comprendendo que se trata dunha enorme honra para a nosa parroquia poder celebrar xuntos un evento de tan alto nivel.
O noso recoñecemento á grandísima labor dos medios de comunicación: prensa escrita e radio local, diarios dixitais, múltiples programas da TVG, redes sociais, que nos proporcionaron unha amplísima cobertura informativa e gráfica, conseguindo unha ampla difusión do evento, xunto co Concello de Lalín, Turismo Rías Baixas e Turismo de Galicia. Ao persoal do Museo Casa do Patrón, que ano tras ano soporta o peso da organización e do traballo cunha gran profesionalidade e espírito de sacrificio, sen o máis mínimo desalento.
Xamais seremos capaces de pagarlle a toda esa xente que leva 27 anos apoiando a labor Casa do Patrón (máis de 6000 galegos particulares, institucións públicas: Xunta, Deputación, Concello de Lalín, Universidades, colexios e concellos galegos, institucións, fundacións e asociacións de toda índole) aos que lle estaremos eternamente agradecidos.
Finalmente, quero ter un emocionado recordo para todos os veciños, familiares e amigos que se foron quedando polo camiño dende o comezo da malla, eles e nós sabemos que sempre continuarán vivos no noso corazón. Aínda que algunhas aldeas galegas e mesmo algunhas mallas están a desaparecer, estamos seguros de que outras moitas, entre as cales se atopa a nosa, continuarán durante moitos anos, para que as vindeiras xeracións poidan escoitar e sentir como propios os ecos da malla, tal e como aínda retumban no noso interior os sons das antigas mallas durante a nosa nenez.