A estradense Sara Valcárcel ilustra «Xe», o último canto á diversidade de Galaxia

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

10 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A artista Sara Valcárcel (A Estrada, 1994) ten novo traballo nas librarías. A editorial Galaxia acaba de publicar Xe, un álbum de Lara Boubeta ilustrado por Sara Valcárcel que fala sobre a liberdade e sobre o dereito de ser a persoa que queiramos ser.

Nesta lectura, dedicada á cativada, o personaxe principal, Xe, é un neno ou unha nena, quen sabe?. Un misterio para toda a humanidade. A través desta historia, autora e ilustradora expoñen a necesidade de fuxir do canon social, do politicamente correcto, para atopar a propia esencia. Esta obra representa a busca da liberdade e da identidade persoal. Unha identidade que fuxe dos mandatos ou expectativas sociais e que abraza o propio sentimento individual. Xe é un exemplo de reivindicación e exposición da realidade das persoas intersexuais. Un libro que busca xerar un espazo seguro no que visibilizar e achegar a diversidade dende as idades máis temperás.

Sara Valcárcel é unha creativa multidisciplinar que compaxina o seu traballo como responsable de Comunicación na editorial Galaxia coas súas paixóns artísticas, entre as que destaca o proxecto Noaltodopoleiro.

O seu universo comprende a ilustración, o deseño e a fotografía. No ámbito editorial, ademais de Xe, Sara Valcárcel xa ten ilustrado O libro secreto da filosofía, de José Carou (Galaxia, 2023); O ladrón de paraugas, de Xosé Lueiro (Galaxia, 2021) ou Call me Simbad, de Francisco Castro (Small Stations, 2020), entre outras obras.