
O Concello da Estrada acolleu este xoves a entrega do premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado, que na súa terceira edición foi para a artista Laura Cid Rascado. O acto foi tamén a presentación pública do conto gañador, Maruchi e o gancho, que acaba de ser publicado pola editorial Galaxia. O director de Produción da editorial, Xesús Domínguez Dono, e o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, acompañaron á autora na presentación da que é a súa ópera prima, seleccionada entre máis de vinte propostas.
A artista, recén graduada en Belas Artes, explicou que a obra naceu a partir dunha ilustración. «Fago ilustracións e regáloas á xente que eu quero. Non debuxo persoas. Sempre son debuxos de animais inspirados nas características físicas das persoas. Unha desas ilustracións era de Maruchi, unha prima da miña nai que debuxei como unha galiña», explica. «Maruchi converteuse na protagonista do álbum. Ás veces é despistada, fai gancho e ten moitas pitas», explica Laura Cid. Á presentación a autora levou con ela a unha Maruchi en 3D feita en gancho pola propia Maruchi inspiradora da obra, que xa se converteu en mascota nalgunha sesión de contacontos. «Eu regalo debuxos e ela peluchiños», conta Laura Cid.
A obra, que xa está nas librarías, combinou lápices de cores e acuarelas para dar vida a un dulce universo en tons terra, que son os preferidos da autora.
O responsable de Produción de Galaxia, Xesús Domínguez destacou o entramado de fíos texto-ilustración que se albisca desde a portada e destacou a calidade da obra e a súa especial sensibilidade, que dá pé a moitos recursos de pensamento e diálogo entre pais, nais, avós e fillos.