«Foi a edición máis concorrida, valeu a pena o esforzo feito»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Merza entregou 1.340 euros en premios no seu entroido

06 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As primeiras celebracións do Entroido de Merza (Vila de Cruces) remóntanse, según algúns arquivos, ao ano 1913. Un evento típico da nosa comunidade, e con forte arraigamento en determinadas provincias e localidades, que sempre se mantivo no calendario a excepción da Guerra Civil e da recente pandemia, e que logrou o pasado domingo situarse nun dos mellores expoñentes entroideiros da zona.

Con case trescentos inscritos para participar no Concurso de Entroido que comezou ás cinco da tarde, foi a xuízo de Belén Guzmán, presidenta da Asociación Vello dos Cornos que promove a festa, «a edición máis concorrida das que levamos organizada polo que valeu a pena o traballo e o esforzo feito».

O día que amenceu solleiro acolleu o tradicional lanzamento dos Vivas polas casas da aldea, «e aí xa puidemos comprobar a implicación de todos os veciños na xornada de troula, e facendo as súas aportacións económicas para o Entroido, que foron extraordinarias, polo que xa acordamos dar máis premios pola alta participación que tiñamos e tamén polas axudas recibidas», comenta a presidenta do colectivo. Finalmente a asociación fixo entrega de 1.340 euros en premios aos mellores disfraces, dentro das distintas categorías nas que se podían anotar os participantes, nun domingo no que Merza rezumaba colorido, imaxinación e diversión de grupos de veciños da parroquia, de distintos puntos do municipio pero tamén de persoas chegadas dende Rodeiro e Pontecaldelas, entre outras localidades.

Nunca tanta xente se veu en Merza!, dicían aínda onte os veciños da parroquia. «Fíxate se había coches que mesmo foi necesario habilitar aparcadoiros pola aldea», comentaba a veciñanza e tamén desde a propia asociación. Co pano da festa agora baixado, réstalles agora aos membros da Asociación Vello dos Cornos comezar a programar a edición do ano que vén, «pero con sosego e tranquilidade, e cun reto importante que é o de manter o que temos; que non é fácil polo nivel que se conseguiu neste ano, e mellorar todo o que se poida de cara á próxima edición», reflexiona Belén Guzmán.

Premio en carrozas para A Tribú Cerdeiriñas

A Asociación Vello dos Cornos cos seus 9 integrantes puntuaron os mellores disfraces. A Tribú Cerdeiriñas fíxose co primeiro posto en carrozas, mentres que a agrupación do zoo, A Ruliña e a antiga cantina adacaron o segundo e terceiros postos. Os tragabolas e os quintos foron outros dos galardoados.