
Oito días de festa co casco urbano, Couso, Guimarei e Arnois como escenarios
22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O entroido na Estrada é especial. Co espectáculo dos Xenerais da Ulla coma cabeza de cartel, a programación de festexos esténdese durante oito días repartidos por varias parroquias e o casco urbano. A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, presentou unha proposta lúdica que comeza este mesmo sábado 22 en Guimarei cun entroido infantil que comezará ás 17.00 horas no local social. Unha cita organizada pola asociación de veciños na que haberá merenda para os asistentes.
A vindeira semana, o xoves 27, presentarase na Casa das Letras o libro de fotografía Viva!: os Xenerais da Ulla, do fotógrafo Eutropio Rodríguez. A obra recolle 154 imaxes dos Xenerais tomadas en nove concellos dende o ano 2019 ao 2023. Eutropio Rodríguez (Santiago, 1969) impartiu varios obradoiros de fotografía na Estrada.
O sábado 1 de marzo ás 17.00 horas farase un baile de disfraces infantil con xogos e merendola no segundo andar da praza de abastos. Ademais, na residencia de maiores tamén organizarán ás 17.30 horas outro concurso para os usuarios no que tamén haberá unha merenda. Ao día seguinte, o domingo 2, terá lugar o Entroido Tradicional de Couso. Unha das citas máis destacadas.
Participarán unhas 150 persoas e comezará ás 10.00 no campo da festa. Ás 16.30 horas estarán en Souto de Vea, onde farán o encontro dos Minixenerais con rapaces de ata dez anos que continúan coa tradición dos Xenerais do Ulla. A festa rematará coa chegada ao campo da festa en torno ás 19.00 horas para que canten por última vez os coros e facer o atranque dos Xenerais.
O luns 3 ás 17.00 horas celebrarase o concurso de disfraces do Concello. Presentado por Isi, as comparsas percorrerán as rúas da Estrada dende a Antón Losada ata a Praza da Feira. Haberá un premio de 90 euros na categoría infantil; de 120 na de adultos; de 150 na de parellas; 50 euros para as mascotas; e en canto os grupos o primeiro premio é de 1.300 euros, o segundo de 600, o terceiro de 300 e o cuarto de 150. As inscricións pódense facer na alcaldía ou ben a través da páxina web municipal ata o mesmo día da saída ás 16.00 horas.
Esa mesma noite a festa trasládase a Guimarei para o baile de disfraces que organiza a Comisión de festas de Santa Apolonia.
Alta participación no desfile
O día grande será o martes 4 de marzo co atranque dos Xenerais na Estrada. Ás 16.30 horas celebrase o Entroido Tradicional cun desfile de comparsas parroquiais presentado por Pablo Chichas e coa bendición do Pai Xiao. Con saída dende a rúa Antón Losada, o desfile rematará na Praza da Feira, onde terá lugar o encontro dos Xenerais da Ulla e o seu fermoso atranque a cargo da parroquia de Couso.
O desfile de carrozas contará cunha ampla participación das parroquias do rural estradense. Deste xeito, acudirán as de Callobre, Guimarei, Couso, San Miguel de Castro, Matalobos, Santeles e Riobó. Tamén desfilarán as anpas dos colexios do Foxo, Vea, Oca e Figueroa; e as escolas de baile Estradanza e Priscila Dans.
O venres 7 de marzo, a Asociación de Hosteleiros da Estrada organiza o sorteo de entroido a partires das 23.30 horas na Praza do Concello con Pablo Chichas e o DJ Will. Finalmente, o sábado 8 a festa entroideira vaise a Arnois. A comisión de festas organiza o seu Entroido Tradicional co encontro dos Xenerais ás 18.00 horas no campo das Neves.
Para rematar chegará o enterro do salmón a partir das 19.00 horas. A comitiva fúnebre sairá da Porta do Sol ata a Zona dos Viños. Ás 21.30 horas comezará un concurso de disfraces polos locais de hostalería do casco urbano.