
Nuria Vilalta chegou de Tarragona á Estrada, apuntouse nun curso e botouse a practicar
23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.En pleno debate sobre a caída de falantes do galego, persoas coma Nuria Vilalta Ribé (Valls, Tarragona, 1981) abren unha fiestra á esperanza. Nuria que é catalá de pura cepa, chegou á Estrada no 2006 e case o primeiro que fixo foi buscar información no Concello para inscribirse nun curso de galego. Ese ano cursou o de iniciación e ao seguinte o de perfeccionamento. Despois, botouse a falar sen complexos. A día de hoxe, sen perder de todo o seu acento catalán, fala galego mellor ca moitos autóctonos.
Cando alguén lle pregunta a Nuria Vilalta por que decidiu falar en galego ela case se sorprende. «Pareceume o natural falar en galego estando en Galicia. Ademais, gústame moito. Paréceme un idioma moi bonito e xa había tempo que tiña ganas de aprendelo», conta.
Nuria empezou a falar galego de corrido cando se estableceu na Estrada por amor, pero o seu idilio con Galicia xa viña de moito antes. A primeira vez que pisou Galicia foi no 2001, facendo o Camiño de Santiago. «Tiña vinte anos e vin de monitora cun grupo de scouts da miña cidade. Fixemos o Camiño de Sarria a Santiago e despois botamos uns días en Muxía, onde colaboramos cun proxecto do Concello», recorda.
Un ano despois, a catástrofe do Prestige volveu traer a Nuria a Galicia. «Primeiro vin cun grupo organizado de scouts e estivemos axudando en Lira (Carnota) e despois estiven na casa dun amigo catalán que estaba estudando co programa Sócrates en Santiago e, a través de Adega, fun botar unha man a Camelle. Fixen moitos amigos a raíz do Prestige e aínda volvín outra vez máis á casa dunha amiga galega», conta.
A Nuria xa daquela lle tiraban Galicia e o galego, así que nunha daquelas visitas mercou nun libraría de Santiago o seu primeiro libro en galego. «Entrei nunha libraría e pedinlle que me aconsellaran un libro en galego, dalgún autor ou autora galega e que fora doado de ler. Aconselláronme Fisteus era un mundo, de Lupe Gómez. Foi o primeiro libro que lin en galego. Está moi ben. Aínda o conservo todo cheo de marcas e anotacións nas cousas que non entendía», comenta.
Sen embargo, Nuria non dou o paso definitivo ao galego ata que coñeceu a Xesús, un estradense que daquela traballaba no Museo Arqueolóxico Nacional de Tarragona e que agora é o pai dos seus fillos. «Decidimos probar a instalarnos en Galicia e aquí seguimos», di encantada.
«Cando vin para aquí, de galego pouco sabía porque Xesús e mais eu coñecémonos en catalán, pero estando en Galicia, era o natural», conta Nuria. «Non me custou moito aprendelo porque falaba catalán, español e un pouco de francés, e hai moitas cousas que se parecen. O que mais me custou foi o tema dos pronomes e deixar de usar os tempos compostos. E tamén algunhas cousas de fonética. O ‘nh’, se non o penso, non o fago ben», recoñece. «Pero agora estou cómoda falando en galego. Incluso penso en galego xa», conta orgullosa.
Ao principio, a xente sorprendíase de oír falar galego a Nuria. «Polo acento notaban que era catalá e a algunha xente parecíalle curioso que falara con soltura. Incluso houbo xente que me dixo que por que o facía, que non tiña necesidade», explica. «Algunha xente nova de aquí de Galicia tamén me ten comentado que falo mellor galego ca eles. Iso chámame a atención e paréceme triste. Vexo unha baixa estima polo galego», reflexiona a neofalante.
«A min, á parte de que me encanta, o galego tamén me abriu portas laborais», conta Nuria, que é educadora social e que despois de varios anos traballando coa súa parella nas empresas de xestión do patrimonio Terceira Persoa e Tesouros Novos agora exerce como educadora familiar en Soutomaior e Pazos de Borbén.
«Gustaríame ter unha variña máxica para que a xente se dera conta de que o galego te fai rico»
Como galega de adopción, a Nuria preocúpalle a situación do galego. «Parécenme preocupantes os datos das últimas enquisas. Fálase pouco entre os nenos e, ao final, eles son o futuro», conta. «Nós na casa falamos galego e catalán e os nosos fillos, ao empezar ao colexio con tres anos, empezaron a falar en castelán. As políticas lingüísticas non parecen estar funcionando. Eu mesma tamén teño falado máis castelán por épocas, segundo por onde me estivera movendo, porque ás veces o contexto é todo en castelán», recoñece.
Mais alá de Rosalía
Sen ser experta nin querer dar leccións a ninguén, a neofalante cre que sería preciso afondar na educación. «Que na escola se promova de maneira real o uso e o amor polo galego. Que se ensine a valorar a riqueza que temos e se contaxie o amor pola cultura, pero non só o Día das Letras Galegas ou o Día de Rosalía, senón todos os días do ano. Eu, como son educadora, creo que a educación é a base de todo», comenta.
Necesidade de falar
«Penso tamén que tería que ser unha aposta máis política, para que a xente sinta a necesidade de falar galego. Que a xente se esforzase por compartir unha parte de Galicia. Hoxe está todo moi globalizado e o galego perde. É certo que hai achegas culturais moi boas. Eu non son pesimista. Eu penso que o galego si que ten futuro, pero vexo preciso un cambio político e tamén nas persoas», suxire.
«Gustaríame ter unha variña máxica para facer que a xente se dera conta de que falar galego é bonito e que te fai máis rico. Faite único», comenta.