O Gaiteiro de Soutelo estrea lápida

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Adrián Freiría

Un novo epitafio en galego honra a memoria de Avelino Cachafeiro Bugallo

13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Avelino Cachafeiro Bugallo, o célebre Gaiteiro de Soutelo, descansa máis en paz ca nunca no cemiterio de Soutelo de Montes, onde este sábado estreou unha nova lápida que fala no idioma no que el sempre se expresou en vida: o galego.

A iniciativa partiu da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que contando co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Forcarei, os herdeiros de Avelino Cachafeiro e moitas agrupacións de música tradicional, promoveu este singular acto de restauración da memoria lingüística.

Ao Gaiteiro de Soutelo, que espallou a cultura galega polo mundo co idioma galego por bandeira, non lle acae nada ben unha lápida en castelán. Por iso, aproveitando o Día da Restauración da Memoria Lingüística, o colectivo de funcionarios comprometidos co idioma promoveron unha homenaxe pública a Avelino Cachafeiro que rematou coa renovación da súa lápida no cemiterio de Soutelo de Montes.

No acto, celebrado no colexio de Soutelo de Montes, sucedéronse intervencións de expertos na biografía do famoso gaiteiro e de representantes institucionais que resaltaron a importancia da súa figura, así como actuacións de grupos de música tradicional.

Ao final procedeuse á substitución da súa lápida mortuoria no panteón onde repousa por outra cun epitafio en galego. Castelao, que mantivo unha relación de amizade con Avelino Cachafeiro baseada na admiración que lle espertaba o gaiteiro, escribiu no ano 1924 unha sentida loubanza no xornal Galicia que acompañou cunha caricatura de Avelino. Este debuxo ilustra desde onte a nova lápida, cun epitafio en galego substituíndo ao anterior en castelán que di: «Aquí repousa Avelino Cachafeiro, o universal Gaiteiro de Soutelo (1899-1972). O epitafio recolle ademais un fermoso e definitorio verso do poemario do propio Avelino Cachafeiro: «Coa miña gaitiña ao lombo, de Soutelo rompín a voar».