Música e cancións baixo a choiva no segundo Serán de Gresande

daniel gonzález alén LALÍN

DEZA

Daniel González Alén

15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A choiva non foi impedimento para a celebración do segundo Serán de Gresande, nesta ocasión con homenaxe a Jesús de Materio, que tivo lugar na tardiña do pasado sábado, no que participaron media ducia de agrupacións folclóricas que cantaron, tocaron e ata bailaron, para máis de un centenar de veciños e invitados que gozaron todos desta leda festa popular organizada pola Asociación de Mulleres de Gresande.

Alí estivemos e fixemos esta reportaxe co desexo de que serva de lembranza ao que fora o noso colaborador e informante na parroquia de Gresande, Jesús de Materio, e de recoñecemento a súa familia, nomeadamente a súa sobriña neta Raquel, alma mater deste evento, por ternos convidado un ano máis, a compartir esta xornada cos moitos amigos destas terras de entre o Deza e o Asneiro, que foron as dos nosos devanceiros.

Nesta edición o Serán estivo dedicado a Jesús de Materio, veciño que doou á parroquia lalinense o terreo onde agora está o local social. No apartado musical estiveron as pandereteiras Roseira Brava, Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas, Pandereteiras de Bendoiro, Grupo de Gaitas O Arco de Merza, Pandereteiras Ponte da Prata e as cantareiras da Asociación de Mulleres de Gresande, que se estrearon ante o público coa súa primeira posta en escena, e o Grupo de Gaitas Repenicando tamén desta parroquia lalinense.