Lidia de la Fuente gaña o Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia

d. c. LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

11 may 2025 . Actualizado a las 17:21 h.

A Fundación Xosé Neira Vilas fallou o gañador da cuarta edición do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia, que nesta ocasión recaeu na autora luguesa Lidia de la Fuente. O xurado, composto polos membros do padroado da Fundación, Pilar Sampedro e Fernando Redondo, xunto co dramaturgo e académico da Real Academia Galega, Euloxio Ruibal, destacaron «a viveza dos diálogos» e «o uso intelixente dos recursos escénicos». Na súa elección, tamén salientaron o «hábil emprego do humor».

Licenciada en Humanidades e dedicada ao turismo cultural e á divulgación do patrimonio histórico e artístico de Galicia, Lidia foi integrante de diferentes grupos de teatro e cofundadora da compañía Argalleiras, de Chantada. O seu nome únese, deste xeito, aos anteriores gañadores do Anisia Miranda: María Canosa, Ramón D. Veiga e Francisco Antonio Vidal Blanco.

A entrega do premio, dotado con mil euros e a publicación da obra por Edicións Embora, será o 18 na sede da Fundación en Gres e contará co cantautor Armando González.