As bicicletas que recolle por Galicia a Asociación Recycling, e que en moitas ocasións amaña, cobran en todos os casos un segundo uso. Este será precisamente o destino que terá a que partiu onte de Marín con rumbo ao Camerún, e que fará a felicidade dun rapaz de 13 anos.
Detrás de todo isto unha fermosa historia, como relataba José Luis Pereira, Seixo, da asociación lalinense. «Púxose en contacto con nós o propietario dun hostal de Marín, que xa colaborara con Recycling, pero neste caso para solicitar a nosa axuda. Buscaba unha bicicleta para o fillo dun cociñeiro camerunés que se hospedaba no seu establecemento, que traballaba nun barco galego e que nesta marea ía ao Camerún».
A petición, explica, non quedou sen atender, e onte mesmo a bici foi levada por Pereira a Marín. «Irá no barco de pesca, e ogallá fose posible mandar unha vintena máis para quenes a precisan», dixo.
A Asociación Recycling Bicicletas solidarias fai unha chamada ás doazóns de velocípedos de adultos que escasean, e lembra que conta con dous puntos de entrega en Lalín: no Centro Comercial Pontiñas e en Avatel.