
Os ramistas atoparon na parroquia, e na veciñanza, unha boa resposta á súa idea
19 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Temos que tirar polas festas das nosas aldeas para que non morran. Con esa contundencia fala Vanessa Taboada, coñecida nutricionista lalinense e ramista por primeira vez da súa parroquia de Palmou, xunto a Pepe, David e Rocío. Unha comisión que traballa arreo para celebrar os festexos na honra a San Xoán e San Antonio, que celebrarán esta fin de semana, e que apostou por un sorteo cando menos pouco visto na zona: un remolque de leña, «pero picada e posta na casa de quen resulte agraciado», puntualiza Taboada.
Para facerse co apreciado combustible será preciso contar coa rifa agraciada que se extraia no sorteo presencial deste vindeiro sábado, que comezará ao fío da unha e media da madrugada. Algún boleto para o sorteo do remolque de leña aínda pode ser adquirido, según relatan os membros da comisión, malia que boa parte deles xa foron adquiridos polos propios veciños á par que pagaron as súas cuotas para as festas. Aportacións veciñais que oscilaron entre os 50 e os 180 euros por familia. «Estamos moi agradecidos pola axuda que nos brindou a parroquia. Os veciños colaboraron con xenerosidade. En Palmou somos unhas sesenta casas, das que dúas ou tres teñen unha cuota de 50 euros, pero a maioría pagou 135 ou 180 euros, e a maiores todos preguntaban polas rifas para o sorteo. Vese que a idea lles gusta», comenta sorrindo Vanessa. Ela foi precisamente a que apostou por argallar este tipo de sorteo, en detrimento doutras moitas posibles opcións. «Mira, no noso rural un remolque de leña para o inverno vénlle ben a calquera que lle toque. De feito un remolque non chega para o inverno, e se ao que lle toca non o quere seguro que lle busca ubicación», ri.
Á marxe do sorteo do próximo día 21, os festexos en Palmou comezarán este sábado coa misa solemne á unha que cantará o solista Fernando, posteriormente celebrarase a procesión e iniciarase a sesión vermú que correrá a cargo da charanga Os Atrevidos, que actuará tamén pola noite na verbena xunto ao trío Manhattan. O segundo día de festa, a misa dominical está prevista para as 12.30 para seguidamente dar paso á procesión e á sesión vermú coa Charanga Km 0 coa que se pecharán as festas nesta parroquia lalinense, unha das moitas que celebrarán a festividade do San Xoán estes días.