Os altos prezos non frean as viaxes, pero obrigan a buscar alternativas

naiara gonzález / R. R. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rocío Ramos

Canarias segue sendo un dos destinos favoritos a pesares do encarecemento

16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En familia, con amigos, de lúa de mel ou incluso de xeito individual, xullo e agosto son os meses dos viaxes por excelencia. Este ano en concreto, está sendo un moi bo ano de vendas para as axencias, e no que os viaxantes están sendo moi previsores coa reserva das súas escollas. Así o apunta Manuel Ferradás, de Zafiro Tours de Lalín. Esta antelación na compra débese a uns prezos «totalmente disparados» e a unha demanda moito maior á oferta, de xeito que as ofertas de última hora contan con custes moi elevados. Tal é esta situación, que nas axencias xa contan con reservas para Semana Santa, e afirman que moitas persoas están pensando xa nas escapadas das vacacións de Nadal.

Pero esta subida dos prezos non impide que moitas familias sigan adiante coas saídas nesta tempada de verán. O máis común, é a escolla de destinos máis económicos, para poder gozar dun maior número de días e dunha mellor estancia, priorizando poder ir de vacacións sobre o lugar visitado.

Unha gran maioría opta pola praia e por un tipo de experiencia máis relaxada, pero cada vez son máis aqueles que buscan un balance entre o relax e as visitas turísticas, co fin de coñecer novas culturas e lugares. Os destinos escollidos para estes meses son as illas, especialmente as Canarias, aínda que recentemente está aumentando moito a demanda de viaxes polo sur de España, como Málaga ou Benalmádena. No caso das propostas que combinan praia con un gran potencial de visitas turísticas, os máis recorrentes son Grecia e Italia, apunta Pelayo Bergueiro, de Viajes San Paio, na Estrada.

O tempo actúa como un factor fundamental na escolla dos destinos vacacionais, de feito que os máis comúns polo seu agradable clima nestas épocas do ano son as illas españolas, Cabo Verde e o Caribe, entre outros. Pola contra, zonas como América do Sur son algunhas das descartadas, debido a que alí é inverno e o clima non é tan bo. Non obstante, hai persoas que non prestan tanta importancia ás temperaturas e que se atreven, pese a calor, con destinos como Exipto, moi demandado este ano.

Ademáis de ser a época de vacacións, é tamén a das lúas de mel, que protagonizan moitos dos viaxes destes meses de xullo e agosto. Neste sentido, os lugar preferido adoitaba ser o Caribe, sen embargo, isto está cambiando, e as parellas inclínanse máis cara lugares exóticos como o sudeste asiático con países como Bali ou Tailandia, sendo moi comúns tamén Cabo Verde e Mauricio.

Outro tipo de viaxe que está en auxe é o cruceiro. A pesar do seu encarecemento, os cruceiros repuntaron este ano, e moito máis nestes meses de verán. As rutas máis demandadas sen dúbida son as do Mediterráneo, tanto oriental como occidental, aínda que é moi solicitado tamén polas illas gregas. A duración máis común adoita ser de unha semana.

Unha das consecuencias da enorme demanda deste tipo de escapadas, comézase a reflexar nos clientes. Dende as axencias de viaxes da zona indican que moitas persoas non disfrutan da experiencia ao completo debido á saturación provocada pola cantidade de xente que se reúne e do repletos que están estes lugares nestas datas.

Oporto é a alternativa á escasa oferta de voos dende Galicia

Este ano, a oferta de voos dende os aeroportos galegos está a ser escasa, de xeito que moitas persoas recorren a outras alternativas, ben porque os prezos son máis baixos, ou ben porque hai unha maior conexión e voos directos ao destino escollido. A opción máis recorrente é a do aeroporto de Oporto.

A isto súmase que moitos voos dende Galicia están sendo cancelados, o que provocou que nalgunhas axencias xa se vendan máis dende Oporto que dende os aeroportos galegos. Por motivos como este, nos últimos anos a maior parte dos viaxantes deciden contratar un seguro de cancelación, especialmente dende a época da pandemia. Pelayo Bergueiro apunta que na súa axencia é «case obrigatorio» contratar este tipo de seguros dende os últimos anos.

Opcións como o coche de aluguer están en auxe debido aos altos prezos dos aloxamentos

Debido aos altos prezos dos aloxamentos e do transporte, moitas persoas están recorrendo a novas alternativas. Por exemplo estase optando aos viaxes en coche para distancias máis curtas, por España, por exemplo. En caso de desprazarse en avión, unha opción que está tendo moito auxe é a de reservar unha estancia máis lonxe do centro da cidade para que os prezos sexan máis baixos, e alugar un coche para poder desprazarse con facilidade e ir ao centro.

Outra alternativa máis económica que cada vez se escolle máis cando o destino desexado ten uns prezos moi elevados, é cambiar os hoteis polos apartamentos. Este tipo de estancia permite aforrar considerablemente en cuestións como as comidas ou algúns servizos dos hoteis, ademais de proporcionar unha maior privacidade e unha maior liberdade de horarios.

Como último recurso cando os prezos se disparan, moitas persoas aprazan as viaxes de verán para os meses de outono, cando os prezos están máis baixos. Manuel Ferradás sinala que na súa axencia observa que a maioría de persoas «queren ir de vacacións sen morrer no intento», de forma que acoden a estas alternativas máis asequibles, ou incluso pospoñen as escapadas para as temporadas nas que estas saídas non supoñen un gasto tan grande como no verán.