Xulio Abonjo continúa a saga de pregoeiros que iniciou Cela hai case medio século
DEZA

O actor pontevedrés toma o relevo de Fernando Romay, aceptando defender por sempre á estrela da gastronomía local
23 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O protagonista do pregón da Festa da Empanada deste ano é o actor Xúlio Abonjo (Pontevedra, 1974), que toma o relevo desta actividade desempeñada o pasado ano polo ex xogador de baloncesto Fernando Romay. Encabeza así este emotivo momento que se realiza dende o ano 1987, nesta edición número 49, a primeira dende que esta celebración foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional.
O pregón é un deses momentos que fan especial á Empanada da Bandeira, xa que unha persoa de recoñecido prestixio na súa profesión defende a capa e espada a máis célebre das elaboracións gastronómicas do concello.
Neste case medio século de Empanada da Bandeira houbo pregoeiros de toda condición, aínda que o máis especial segue sendo o primeiro, o escritor Camilo José Cela. Dende entón a tarefa de dar o pregón non é sinxela, tendo como referencia a todo un premio Nobel de literatura.
Múltiples profesionais galegos de eidos moi distintos foron os encargados de levar a cabo esta coñecida proclama. Dende xornalistas como Inés Coleiro en 2012 ou María Lama en 2023, recoñecidos cociñeiros como Lucía Freitas en 2022 e Pepe Solla en 2018, ata políticos como Abel Caballero, pregoeiro no ano 2019.
As actrices e os actores son un dos perfís máis repetidos dende o nacemento do pregón, de xeito que unha boa cantidade de profesionais do sector audiovisual galego visitan cada ano A Bandeira por estas datas. Carlos Blanco, Gloria Ferreiro e Mela Casal, Federico Pérez, Teté Delgado, Luis Zahera e Cristina Collazo foron algúns dos presentes nesta cita gastronómica.
Nesta edición, o cine volve á Festa da Empanada, esta vez da man de Xulio Abonjo, un destacado actor da nosa terra, tanto polas súa aparición en obras míticas galegas, como por outros traballos máis coñecidos a nivel nacional.
Traxectoria cinematográfica
O pregoeiro deste ano é recoñecido pola súa aparición en múltiples series da Televisión de Galicia, entre elas Serramoura, Pazo de familia e Pratos Combinados. Tamén forma parte de series de alcance nacional como Cuestión de sexo, Rapa ou a estreada en 2018 Fariña, na que encarna a personaxe de Moncho Charlín. Ademais do cine e da televisión, Xulio Abonjo estivo moi ligado ao teatro dende os seus inicios.
O pontevedrés foi nomeado varias veces ao premio a Mellor actor nos Premios Mestre Mateo, e foi dúas veces gañador do Premio do xurado a mellor actor no Festival de Cans.
A primeira ocasión foi en 2007 pola súa interpretación na comedia negra dirixida por Jorge Saavedra Sen Chumbo, e posteriormente en 2017 pola curtametraxe Einstein-Rosen, dirixida por Olga Osorio.