O turismo dispárase tras un xullo agridoce para algúns aloxamentos

naiara gonzález LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Agosto deixa hoteis completos e un auxe do turismo rural na zona

24 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sol, calor, vacacións, maior duración dos días... Son moitos os factores que motivan que o verán sexa a época por excelencia para ir de viaxe e pasar uns días fóra da casa. A maior afluencia de viaxantes adoita concentrarse en xullo e agosto, aínda que para algúns aloxamentos da zona o comezo da época estival tivo un sabor un tanto agridoce. «Non todos poden ser anos de récord», apunta Virginia Colmeiro dos aloxamentos turísticos Remanso de Trasfontao en Silleda, que sostén que no seu caso este ano xullo tivo moita menos afluencia do normal, entorno a un 15% menos. Noutros lugares como en Torres de Moreda na Estrada a ocupación durante o mes de xullo estivo sobre o 60%, cun nivel de afluencia moi similar ao de anos anteriores. Coinciden no hotel Norat Torre do Deza de Lalín, que indican que o pasado mes estivo dentro da normalidade.

Un pouco débil para algúns e moi bo para outros, ademais dos viaxantes que se hospedan nos hoteis, moitos dos locais víronse moi favorecidos en xullo polas celebracións características desta época. Vodas, comuñóns ou bautizos foron algúns dos eventos protagonistas para aqueles hoteis que contan tamén con restaurante, como por exemplo o Torre do Deza. Indican que o mes máis forte para estes festexos foi o de xullo, sendo moitos menos neste agosto.

A situación mudou coa chegada de agosto, no que as reservas son moitas máis que en xullo, de xeito que parte dos hoteis atópanse ateigados dende as primeiras semanas. «Estamos petados», sinalan dende o hotel Baños da Brea no que contan cunha ocupación de case o 100%, ao igual que no mes anterior. «Tan só nos quedan tres habitacións», indicaban. Tamén no Remanso de Trasfontao destacaron un mes de agosto mellor que o resto do verán. Por outra banda, o hotel Pontiñas afirma que están completos, sostendo que levan así dende xullo, e esperan que a racha continúe a partir de setembro. «Este mes é moi bo», sinalan.

A pesar das altas temperaturas, que diminúen un pouco a afluencia de peregrinos, seguen a ser múltiples os camiñantes que están agora de paso pola zona, sendo un dos perfís máis comúns xunto aos comerciantes, grupos de persoas maiores, familias e parellas, tanto doutras zonas de España como doutros países, que recalan uns días nas comarcas.

En agosto repunta o turismo rural, especialmente entre as familias e as parellas

A tranquilidade, a calma dos pobos e fuxir das aglomeracións impulsan nestas datas o turismo rural na zona, contando con visitantes de cidades e zonas máis masificadas que acoden a Galicia en busca de relax. A chegada de turistas de fóra de España foi abundante nalgúns aloxamentos como en Torres de Moreda en Callobre: «Sobre todo os europeos, que collen as vacacións en xullo», indica Ana Villamayor, a súa responsable.

Tamén os españois que veñen dende outras comunidades a pasar uns días son un tipo de turista que abonda nesta tempada. Entre eles destacan os procedentes de Madrid, Cataluña e da costa mediterránea. Normalmente, o factor en común adoita ser a procedencia de grandes cidades, que deixan en vacacións para desconectar e fuxir do estrés do día a día. En estancias como Torres de Moreda e Remanso de Trasfontao a maioría destes hóspedes son familias con nenos e tamén parellas. No caso das familias, xeralmente adoitan instalarse entre 7 e 10 días, preferindo os apartamentos e aloxamentos amplos e cómodos. Por outra banda, as parellas sitúanse nun rango de idade entre 30 e 40 anos, e optan por alternativas máis modernas e estéticas como as habitacións burbulla, sinala Virginia Colmeiro.

Trátase dun tipo de turismo máis relaxado e que decaeu un pouco en xullo nalgunhas zonas. Non obstante, agosto transcorre de xeito moi positivo en tódolos aloxamentos, cun bo número de hóspedes, moitas veces inesperados. Isto débese ao aumento de reservas de último momento característico deste mes: «a última hora agosto dispárase», apunta Virginia Colmeiro.

As familias agradecen os lugares que facilitan a estancia dos cativos e que aceptan mascotas

Unha cuestión que en moitos casos pode ser un impedimento para as familias á hora de viaxar é a necesidade de deixar as mascotas na casa. Ben sexa pola imposibilidade de deixala con alguén de confianza ou polo desexo de incluíla na escapada, adoita ser un tema que provoca moitas dores de cabeza aos donos.

É por iso que as estancias que permiten animais de compañía están a ter tanto éxito entre os viaxantes. Este é o caso do Remanso de Trasfontao, que na súa oferta inclúe un 50% de apartamentos que permiten acudir con estes acompañantes e que están acondicionados para a súa estancia. Esta posibilidade fai que a demanda sexa moito maior e que case sempre se ocupen tódolas opcións, debido á confianza que suscita poder deixar as mascotas no aloxamento, ca certeza de que quedará en boas mans.

Ademais da inclusión dos animais, estes hospedaxes cobren outra das necesidades máis común entre as familias: a estancia dos máis cativos. Para isto, moitos contan con instalacións que facilitan a estancia das familias con bebés. Ambas cousas son dous dos factores máis buscados polos viaxantes, que buscan distintas alternativas nos aloxamentos que apostan por un tipo de turismo máis familiar, algo que se está a poñer de moda.