Visita da presidenta da Cátedra de Cultura Galega da Habana á Fundación Neira Vilas en Gres

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

06 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Neira Vilas recibiu en Gres a visita de Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra de Cultura Galega Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana. Fernández mantivo un encontro de traballo co Padroado da Fundación na Casa do Romano de Gres. Nel compartiu novidades arredor das actividades da sección galega do instituto de Literatura e Lingüística, hoxe coñecida como Fondo Neira Vilas.

Por outra parte, este ano 2025 cúmprense 60 anos da publicación do libro Xente do Rodicio que saíu á rúa editado por Galaxia en 1965. Un volume de contos de Xosé Neira Vilas, o primeiro, que foi prologado daquela por Francisco Fernández del Riego e que asinara co pseudónimo de Salvador Lourenzana,

A obra continúa sendo 60 anos despois, apuntan, «unha das expresións máis potentes da narrativa curta galega, que amosa a dignidade e a complexidade da vida do país a través de pequenas historias da súa xente». Neses relatos curtos, o escritor, mergulla ao lector nun mundo rural, apuntan dende a Fundación, de fonda carga simbólica e «onde o lirismo do autor convive co realismo cru da vida da aldea». Fernández del Riego destacaba no limiar que «os personaxes, os xestos e os obxectos cobran na atmosfera aldeá un volume e unha personalidade chamativos, alimentados polo zume dunha realidade vivida e sentida».