Recuncho da Lingua, Abraham Cupeiro e Ramiro Varela Cives, premios San Martiño 2025
DEZA
A entrega destes galardóns á normalización lingüística realizarase o martes 11 de novembro no teatro Principal
29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística acordou concederlle os galardóns correspondentes á trixésimo quinta edición a O Recuncho da Lingua, o músico Abraham Cupeiro e o médico Ramiro Varela Cives. A entrega realizarase o vindeiro 11 de novembro no teatro Principal, ás 20.00 horas.
Promovidos polo Concello da Estrada, galardoan o traballo a prol da lingua galega en tres ámbitos: na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, en Galicia e no contexto de toda unha vida. O xurado estivo conformado por Lucía Seoane, Iván Sanmartín Eirín, José Parada Caramés, Henrique Vázquez Pernas, Xosé Lueiro Lemos e María Samartín Ruzo, esta última como secretaria.
O premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Montes recaerá no programa de dinamización lingüística e cultural O Recuncho da Lingua, emitido dende hai seis anos pola emisora municipal Radio Estrada. Está dirixido e presentado pola mestra estradense Pilar Bernárdez. O xurado valorou que «ademais de promover o uso do galego entre a xente nova e de divulgar a obra de distintos referentes literarios estradenses, o espazo é tamén un foco difusor da nosa historia, das nosas tradicións e da nosa cultura popular».
O premio á normalización no ámbito galego será para Abraham Cupeiro. Luthier, musicólogo e multinstrumentista, está especializado na recuperación de instrumentos ancestrais que utiliza para crear novas sonoridades. Destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx (trompeta celta da idade de Ferro) ou o Cornu, que se facía soar nas grandes ocasións no Senado romano. Con varios discos no mercado, o músico é referente na recuperación de instrumentos tradicionais galegos e usou a lingua nai ao longo de toda a súa traxectoria.
Finalmente, o galardón a toda unha vida de defensa do galego recaerá no doutor estradense Ramiro Varela Cives. Iniciou a súa traxectoria como cirurxián pediátrico, ademais de ser profesor da USC. Foi distinguido con prestixiosos galardóns como a Medalla de Honra da Academia Médico Quirúrxica de Santiago, ou a Medalla de Ouro da Asociación de Fillos e Amigos da Estrada, da que foi presidente entre os anos 2017 e 2023. Recibiu tamén o Salmón de Ouro, é membro da Real Academia de Medicina de Galicia e presidente da Fundación de Amigos de Galicia. O xurado subliña que «foi dos primeiros médicos en empregar a lingua galega no seu ámbito profesional».