Cimadevila: «A fala debería ser sempre para acercarnos»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

MIGUEL SOUTO

O pintor protagonizou na Estrada un pregón das Letras Galegas cunha mensaxe en contra das loitas idiomáticas

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A alameda da Estrada voltou a se converter onte en punto neurálxico da celebración do Día das Letras Galegas. O pintor Ramiro Cimadevila foi desta vez o encargado de pronunciar o pregón, no que avogou por unha fala libre e sen imposicións. «Nadie debe impoñer un idioma. A fala debería ser sempre para entendernos e acercarnos e non para separarnos», dixo. «Xuntiños temos menos frío. Todo o que sexa illarnos uns dos outros, a min non me cadra», comentou.

Ramiro Cimadevila foi introducido por Xosé Lueiro, que falou da historia do amor co galego de María Victoria Moreno -a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas- e que, do pregoeiro, destacou que «o seu compromiso co pincel non é posible entendelo sen o seu compromiso coa lingua e coa cultura galega».

Cimadevila -que o 2 de xuño inaugura unha mostra de pintura na sala Abanca- arrancou o pregón falando da importancia da dedicatoria do 17 de maio a María Victoria Moreno. Por dúas razóns: por ser muller -a cuarta á que se lle dedica o día despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño- e por converter o galego na súa lingua de vida e de literatura sendo de orixe estremeña.

Pintor con alma de poeta

Levando o discurso ó seu terreo, Cimadevila dixo que «todos o escritores teñen algo de pintores e todos os pintores algo de poetas». «Eu onde mellor lle atopo as cores ás palabras é cando un cativo comeza a falar. Mesmo sinto aflorar as cores do arco da vella na miña paleta dourada», dixo o artista.

Pechou o acto o alcalde da Estrada, José López, que lembrou a todos os estradenses que contribuíron a dignificar o idioma. Desde os escritores Manuel García Barros, os irmáns Avelina e Marcial Valladares ou Reimóndez Portela «ata a xente de a pé, que contribuíu á pervivecia do galego dando exemplo de amor compromiso e fidelidade».

Sen apropiacións ideolóxicas

López convidou ó auditorio a converter a María Victoria Moreno no espello no que mirarse polo seu compromiso decidido co galego. Destacou que é unha responsabilidade de todos, e sobre todo dos que gobernan, «facer da fala un proxecto de futuro, sen apropiacións ideolóxicas. Un fogar común onde todos poidamos sentirnos partícipes».

Homenaxe a Emilio Araúxo en Parada de Sil

Parada de Sil homenaxeou onte ao filósofo, etnógrafo e escritor Emilio Araúxo, afincado en Lalín. O autor chegou hai 40 anos ao concello ourensán, onde mercou casa na aldea de Sacardebois. Ten alí un poemuseo, no que cada obxecto fala e transmite a herdanza dos antergos; na súa traxectoria cultural, destacan tamén as súas pescudas nos entroidos, dende o de Laza aos de Maceda e Chantada.

Música tradicional en Silleda

Silleda volveu facer da música tradicional unha das principais protagonistas da celebración do Día das Letras Galegas. Foi na oitava edición dun festival que contou nesta ocasión con Aires de Trasdeza, pandereteiras A Xariza e de Siador, grupo de gaitas Os Carqueixas, gaiteiros A Pereiriña, O son da Fervenza, Sin Son Ghaiteiros e a aula tradicional da Escola Municipal de Silleda. foto miguel souto