O xuíz que ditou sentenza en galego

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

MARCOS MÍGUEZ

A Estrada homenaxea a Fernando Fernández Leiceaga, o único da vila en empregar o galego en todas as súas facetas xudiciais

29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos trinta do século pasado Fermín Bouza Brey exercía de xuíz na Estrada. O intelectual e galeguista non concibía outro idioma ca o galego para comunicarse coas partes. ¿Como ían a entenderse mellor ca na lingua propia? Foi precursor do uso do galego na xustiza, pero, á hora de ditar sentenza, non lle quedou outra que empregar o castelán. Por imperativo legal. A Lei de Normalización Linguística era aínda unha utopía.

Paradoxicamente, desde que no ano 1983 se aprobou a lei que abriu a porta ao galego en todas as instancias xudiciais, o seu uso efectivo apenas avanzou. Segundo os cálculos da Irmandade Xurídica Galega, só un seis por cento dos xuíces que exercen en Galicia sentenzan en galego. E A Estrada non é unha excepción.

Un novato coas cousas claras

De todos os xuíces que teñen pasado pola vila desde a xénese do partido xudicial, só un deles ditou sentenza en galego. Foi Fernando Fernández Leiceaga. O maxistrado -que agora é membro do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)- chegou á Estrada nos albores dos anos noventa, con Elvira Fernández como alcaldesa e co xulgado aínda na planta baixa do consistorio estradense. Era o seu primeiro destino, pero Fernández Leiceaga -irmán do político socialista- xa viña coas cousas claras. O 12 de novembro de 1990 o xulgado da Estrada acolleu unha campaña de normalización lingüística na que autoridades xudiciais de toda Galicia, con Fernández Leiceaga como anfitrión, instaban ao uso do galego na xustiza. O xuíz titular da vila reivindicaba xa daquela a tradución ao galego de todos os formularios da administración da xustiza e instaba ao Concello a empregar o galego. Fernández Leiceaga, nunhas declaración visionarias, dicía que se a situación do galego non se ía normalizando habería que pensar en crear unha entidade na defensa do galego na administración de xustiza. El seguiu predicando co exemplo e ditando sentenzas en galego alá por onde foi. Pero o seu exemplo non se espallou. Ao final fixo falta crer aquela entidade. Chámase Irmandade Xurídica Galega, ten dez anos de vida e, aproveitando a celebración do 35 aniversario da Lei de Normalización Lingüística, está rendendo homenaxe aos xuíces que desempeñan o seu labor en galego coa campaña Lingua de lei.

Descuberta dunha placa o día 5 no Concello

A rolda de recoñecementos da Irmandade Xurídica comezou na Fonsagrada, un oasis galeguizador no que hai 25 anos que a actividade xudicial se desenvolve en galego ininterrompidamente. Ata un xuíz vasco se aplicou para non romper a cadea. Foron homenaxeados tamén, a título individual, xuíces que sentenzaron en galego. Coma os ex-xuíces de Lalín Paz Filgueira, Rosa García e Xosé Gómez ou a xuíza titular de Caldas, a estradense Encarna Dasi Dorelle.

Neste marco, A Estrada acollerá o xoves 5 de xullo un recoñecemento a Fernández Leiceaga como primeiro -e único ata o de agora- xuíz da Estrada en sentenzar en galego. O acto será ás 12.30 horas na Casa do Concello, que no seu día acolleu o xulgado. Alí descubrirase unha placa. Está prevista a participación do homenaxeado, dos avogados locais Xesús Palmou Lorenzo, Mónica Arca e Iván Sanmartín e do presidente da Irmandade, Xoaquín Monteagudo. Intervirán tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde estradense, José López.