Maruxío chámase agora Namoreiras

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

O obrador estradense tivo que cambiar de nome por un problema de rexistro pero goza de máis saúde ca nunca e ten en ruta novos proxectos

17 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces un paso atrás serve para coller carreira. É o que lle acaba de acontecer ao obradoiro artesán Maruxío, que desde a pequena aldea de Terreboredo, en Souto (A Estrada), adoza os fogares galegos coa súa irresistible colección de rebolos, pastas e granolas. Galletas 100% ecolóxicas elaboradas artesanalmente con materias primas cultivadas ao lado mesmo do forno.

Cando Maruxío Terra e Sal, a empresa creada no 2019 por María Rivas e Uxío Alho, quixo rexistrar a súa marca comercial atopouse con atrancos imprevistos. Tiñan dúas opcións: ensilvarse nunha pelexa xudicial ou cambiar de nome. Como creatividade lles sobra, María e Uxío decidiron mudar o nome e a imaxe corporativa seguindo fieis á súa filosofía de apego ao rural e á natureza. O resultado foi a marca Namoreiras, que se presentou publicamente en xuño e que tamén está chea de simbolismo. Alude a un tempo ao mar e ao amor polas eiras.

A namoreira (armenia pubigera) é unha herba endémica dos acantilados galegos vinculada aos feitizo de amor e símbolo de algo delicado e ao mesmo tempo forte. Por iso representa o amor eterno. Recoñécenselle propiedades para remediar o mal de amores. O ritual aconsella coller as flores na noite de San Xoán e metelas no peto do ser amado. A flor fará o seu feitizo e provocará que o amor sexa correspondido.

Namoreiras avanza na liña emprendida con Maruxío pero vai un paso máis aló. Segue vendendo as galletas ecolóxicas que lle deron as súas primeiras alegrías como empresa e organizando mercadiños biosaudables enmarcados no compromiso coa terra e coa cultura galega. Pero agora, ademais, ten outros dous proxectos en marcha.

Un deles é a Reboleta Namoreiras, un fermoso food truck co que a parella está a percorrer Galicia este verán ofrecendo os seus doces e tamén unha pequena carta de comidas e bebidas saudables. Falafel, hamburguesas, ensaladas, burritos e cervexa ou té ecolóxicos compoñen o menú da Reboleta, unha furgoneta bautizada en honra dos rebolos ou galletas máis características da marca.

Un Parque dos Aromas

O outro proxecto é a creación dun Parque dos Aromas preto da casa de Terreboredo, que ademais de obradoiro é xa un centro de dinamización rural.

O parque dos aromas é un xardín de herbas aromáticas que está empezando a tomar forma. Nel cultivaranse en pequenas cantidades trinta ou corenta especies distintas de herbas aromáticas. Caléndula, herba luisa, arnica, lavanda, poleo ou menta son só algunhas das que xa se están empezando a plantar.

A finalidade do Parque dos Aromas é dobre. Por unha parte servirá de aula da natureza para divulgar as propiedades e beneficios das plantas e preservar un legado que se está a perder. Por outra, as plantas aproveitaranse con fins cosméticos.

O Parque dos Aromas Namoreiras nace asociado a unha rede que xa funciona en Cataluña e que traballa en colaboración con laboratorios que elaboran cosméticos naturais. Namoreiras, ademais, ten en mente sacar unha liña propia de cosméticos naturais. Polo momento, a firma está traballando nas plantacións e xestionando as licencias para o edificio que albergará a aula de natureza. Se todo vai ben, as obras comezarán este outono.