O estradense Esteban Folgar debuta como escritor coa novela «Meigas»
26 oct 2023 . Actualizado a las 17:30 h.O estradense Esteban Folgar (A Estrada, 1977) traballa como profesor da materia de Comunicación e Ciencias Sociais no IES Antón Losada Diéguez da A Estrada e acaba de publicar este mes a súa primeira novela, Meigas, editada por Galaxia. A súa intención era renovar o concepto de meiga, mantendo a idea de muller con habilidades que axuda á xente, pero traéndoo ós nosos días, e integrándoas no mundo actual.
—De onde xurde a idea desta novela?
—Eu levaba tempo pensando en adaptar á realidade galega as meigas das novelas do Mundodisco do autor británico Terry Pratchett, que entenden a bruxería como un don que serve para facer ben á comunidade, e que só empregan os seus poderes en casos moi contados. Pero a xénese da novela está nunha canción do grupo María Fumaça, que se chama A bruxa Maruxa. Durante bastantes meses, cada vez que saiamos en coche en familia levabamos ese disco. Os meus tres fillos, coa súa imaxinación desbordante, foron os que empezaron a falar dunha reunión de meigas, de invocar diaños e de pócemas e bebedizos, todos elementos que aparecen na novela.
—A idea era amosar o carácter benéfico das meigas galegas?
—Un pouco si, pero pensando en como se poderían integrar na sociedade actual. As meigas da novela son xente coa que te podes cruzar pola rúa: estudan, traballan de profesoras, farmacéuticas, informáticas, xoieiras… Afástanse da idea tradicional da meiga como muller maior que vive soa nunha casa no rural. Quería dar idea de modernidade, de actualidade, e por iso había que incluír os teléfonos móbiles na historia. Como elas mesmas din: «Agora somos tan modernas que convocamos os aquelarres por WhatsApp». As meigas modernas desta novela voan en escobas coma toda a vida pero teñen grupos de WhatsApp.
—Canto tempo lle levou escribir a novela?
—Pois escribila non moito: dous meses, máis ou menos. Pero pensala levoume varios anos. Concordo bastante coa idea de Lope de Vega de «oscuro el borrador, el verso claro». Teño fichas de todas as personaxes que aparecen no libro, para poder guiarme e conseguir que todas falen e actúen de acordo á súa idade, profesión e incluso lugar de orixe.
—E de onde son as súas meigas?
—Na obra aparecen meigas de toda Galicia porque en todas partes hai meigas, ou ese é o prantexamento, pero non é o mesmo vivir na periferia de Vigo que facelo na Rúa, por exemplo, e isto ten que verse dalgunha forma. Ademais, segundo as regras que elas mesmas marcan, non pode haber dúas meigas vivindo en zonas demasiado próximas. Xiana, a protagonista da historia, ten 16 anos, pero no grupo hai mulleres de ata máis de cen. Quería crear un grupo interxeracional no que cada unha aporte a súa visión, pero sempre desde unha actitude construtiva.
—Na novela non hai ninguha personaxe masculina de relevancia. Foi buscado ou é froito da casualidade?
—A verdade é que non estaba no prantexamento orixinal, pero todas as personaxes que ía preparando e ás que lles ía dando unha biografía eran mulleres, xa que a trama está organizada en torno a elas. Desde logo, pasaría con nota o test de Bechdel, que di que para que nunha obra non exista unha visión machista debe haber polo menos dous personaxes femininos, que falen entre elas sobre temas que non sexan homes. Así son prácticamente todos os diálogos da novela.
—Ser profesor de adolescentes axudoulle á hora de escribir unha novela dirixida, sobre todo, a eles?
—Sempre se pode aprender moito dos adolescentes. Só hai que escoitalos. Esta novela está enfocada para mozas e mozos a partir dos 14 anos (e ata os 100 ou máis, por suposto). A protagonista ten 16 anos, que son os mesmos que levo eu dando clase, en ciclos formativos superiores primeiro e, nos últimos catro anos, na ESO. Teño un contacto diario coa realidade dos adolescentes, as súas inquedanzas, o seu comportamento, os seus referentes, a relación entre eles e coas familias… Tentei que na novela quedase reflectida a súa forma de ver o mundo, que é complexa e cambiante.
—Haberá segunda parte?
—Iso dependerá da editorial e de se lle gusta á xente. Quedan aínda moitas historias por contar do grupo de meigas, e neste libro non se resolven máis que unha parte dos misterios prantrexados. Sempre hai que deixar algo para máis adiante, e máis falando de meigas.