A Estrada dinamiza a creación literaria coa convocatoria de tres premios
A ESTRADA
O Concello da Estrada acaba de publicar na páxina web municipal as bases da trixésimo sexta edición do premio de novela Manuel García Barros (Ken Keirades), do vixésimo oitavo certame poético Avelina Valladares e da cuarta edición do premio de álbum ilustrado Alberte Quiñoi.
Os orixinais que concorran ao premio de novela, promovido conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a editorial Galaxia, optarán a unha dotación económica de 9.000 euros, outorgados nun único premio, e á publicación da obra por parte da editorial Galaxia. A resolución do xurado producirase ao redor do 11 de abril de 2024, efeméride do pasamento de Manuel García Barros.
No caso dos textos presentados á XXVIII edición do Premio de Poesía Avelina Valladares, promovido coa finalidade de preservar o cultivo da lingua galega e a figura da vida e obra da poeta estradense, deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. O orixinal vencedor recibirá unha contía de 2.000 euros.
Pola súa parte, a cuarta edición do premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado, convocado polo Concello co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, terá un premio único de 4.000 euros para a obra vencedora, que será tamén publicada pola editorial Galaxia.