O Museo do Pobo Estradense volverá abrir no 2025 tras 15 anos pechado

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

R. G.

O Concello proxectou a posta a punto do edificio e contratou a selección dos fondos

14 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o director do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela, Juan Andrés Fernández Castro, compareceron onte ante os medios de comunicación para dar unha noticia inesperada: a reapertura ao público da sala de exposicións estradense no vindeiro ano 2025.

O museo pechara no ano 2009 para levar a cabo unha reforma interior, pero ao rematar as obras mantívose pechado alegando falta de recursos e de persoal. A partir de aí a reapertura foise adiando ano tras ano e nunca lle chegou o momento. Ata o de agora. Polo menos iso semella. O novo alcalde, Gonzalo Louzao, comprometeu onte publicamente a reapertura e, como xa quedou demostrado que as palabras ás veces lévaas o vento, informou de que, desde a súa toma de posesión, xa deu algúns pasos encamiñados á meta.

Segundo explicaron Louzao e Fernández Castro, as obras que precisa o edificio para poder reabrir ao público son mínimas. Bastaría con facer traballos de mellora da instalación eléctrica e de iluminación, de seguridade, de pintura e de mantemento da carpintería exterior. O proxecto xa está redactado e os traballos acometeranse á maior brevidade.

Tamén está contratada xa a empresa especializada que se encargará da selección dos fondos que se expoñerán. O Museo do Pobo Estradense ten en depósito máis de 2.000 pezas de valor desigual. Para poder ofrecer unha colección interesante e adaptada ao relato museístico que se pretende é preciso facer unha depuración importante de todos os fondos. O material máis valioso e acorde aos obxectivos formará parte da colección exposta ao público. O resto das pezas deixaranse en depósito noutro lugar.

Superadas estas dúas fases, quedará aínda por diante unha cuestión clave que de momento está por resolver: o sistema de apertura do museo. Este é precisamente un dos motivos que tivo o museo pechado durante a última década. O alcalde, Gonzalo Louzao, recoñece que de momento non se abordou este asunto, pero asegura que, sexa como sexa, a vontade é ter o museo aberto no segundo semestre do 2025. Louzao non aclarou se se apostará por un horario estable ou pola apertura para visitas concertadas pero avanzou que se poderían combinar ambos sistemas.

O tesouro oculto: obras de Laxeiro, unha escola do século pasado e un carro de bombeiros

Se o Recreo Cultural aproba a cesión dos cadros de Castelao e Corredoyra, serán un grande atractivo para a o Museo Reimóndez Portela. Porén, o director do museo subliña que, aínda sen eles, os fondos existentes teñen suficiente valor e entidade como para merecer por si mesmos a reapertura dun espazo que «lamentablemente leva demasiado tempo pechado».

No plano etnográfico, entre os fondos hai obxectos relacionados co proceso do liño, coa torneiría ou coa labranza, así coma xoguetes e unha escola rural do século pasado. No campo da arqueoloxía, o museo posúe pezas de cerámica, laudas sepulcrais ou pezas castrexas.

Tamén hai unha maqueta da antiga igrexa da Estrada, unha do Cruceiro, unha moto antiga da Policía Local ou un vello carro de bombeiros. O mobiliario antigo da alcaldía, a mesa de plenos orixinal ou o mobiliario do cuarto de Castelao e Virxinia Pereira son outros dos tesouros que permanecen agochados.

O Museo Reimóndez Portela conta ademais cun amplo fondo documental a disposición dos investigadores e cos fondos fotográficos —en antigos carretes— de Ovidio Piso e Celestino Fuentes.

Entre as obras de arte hai cadros de Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Xesús Muras, Ángel Lemos, José María Barreiro, Fragoso, Miguel Docampo. Morales, María Chao, Ramiro Cimadevila, Jano Sanmartín, Susana Pazo Maside, Santiago Tato ou Daniel Cifuentes.

O Concello ten previsto destinar a sala central do museo á Estrada e aos cadros de Castelao. Á esquerda habería unha sala sobre etnografía e á dereita outra dedicada á escola, xoguetes e infancia. Na planta superior, á esquerda estarían o despacho da dirección, o arquivo e as salas de investigación e á dereita outra sala dedicada aos persoeiros estradenses.

Negocian co Casino a cesión de dous cadros de Castelao

O Concello quere aproveitar a reapertura do Museo do Pobo Estradense para poder expoñer ao público xeral os dos dous cadros de Castelao e o de Corredoyra que son propiedade do Recreo Cultural da Estrada: Cego na romería (1913) e Moza con cabuxa (1914) de Castelao e Cega Palatina (1914), de Xesús Corredoyra. Na súa última asemblea os socios da entidade acordaron a súa cesión ao Concello da Estrada ou ben ao Museo de Pontevedra para a súa posta en valor e desfrute colectivo. Os socios decidiron que a cesión se faría coa condición de que as obras foran restauradas por técnicos especializados e permaneceran accesibles ao público. Ademais, o Recreo Cultural podería solicitar a súa devolución unha vez finalizado o prazo de cesión acordado.

Atendendo a este ofrecemento, o alcalde estradense reuniuse recentemente co presidente do Recreo Cultural, Iago González, para ofrecerlle facerse cargo da tutela, conservación e exposición dos cadros, cumprindo así coa vontade de Castelao de que os cadros queden na Estrada. A proposta do Concello terá que ser referendada polos socios do Recreo Cultural.

O alcalde estradense e o director do Museo do Pobo Estradense subliñaron onte que a exposición das dúas obras de Castelao permitiría pechar un círculo na Estrada, «onde Castelao moceou, viviu e casou». O museo conserva tamén a habitación de Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, integrada por unha cómoda, dúas mesiñas de noite e un espello que ela doou no seu testamento á Estrada, igual cá súa roupa de loito. No cemiterio local están ademais enterrados Virxinia e o seu fillo Alfonso Xesús.