Treixadura ofrecerá un concerto gratuíto na Estrada o día 17 de maio

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

03 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada está a traballar no deseño da Semana das Letras Galegas. A primeira actividade acaba de confirmarse. O mítico grupo Treixadura ofrecerá un concerto gratuíto na Praza da Constitución o mesmo 17 de maio, engrandecendo e poñendo broche nocturno ao programa das Letras na capital estradense.

Nun ano no que a Real Academia Galega (RAG) resolveu dedicar o Días das Letras Galegas á poesía popular oral, o goberno local quixo que o 17 de maio soe a tradición na Estrada. Contando co respaldo da Deputación de Pontevedra, o día grande das Letras pecharase ao pé do consistorio estradense co espectáculo musical que ofrece Treixadura, cunha maneira moi característica e persoal de enlazar a raíz musical da cultura galega co xeito de entender hoxe a música tradicional. O concerto de Treixadura será totalmente gratuíto, grazas á achega da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Música.

Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que os integrantes de Treixadura rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. A formación atesoura 25 anos de gravacións e concertos, seis discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e un cuarto de século compartindo co público o poder e a forza do canto colectivo.