A Estrada sube esta fin de semana o pano da primeira Mostra de Artes Escénicas

A ESTRADA

O cartel inclúe roteiros teatralizados, o musical «Grease» ou sesións de danza
28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Como broche para cada ano académico, a Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) da Estrada acostuma a programar, na recta final do curso, unha serie de funcións que permitan ao alumnado experimentar o contacto co público. Porén, este ano o centro formativo que dirixe Xosé Lueiro quixo dar un paso máis, un no que se combine o feito de dar visibilidade ao traballo que se realiza na escola cunha aposta por pasar da función á montaxe completa, do traballo docente ao de
dirección de escena.
A I Mostra de Artes Escénicas da Estrada, presentada onte polo director da EMAE, chega esta fin de semana con diferentes montaxes que se medirán co gran público. Para a primeira delas o pano do Teatro Principal subirá xa este venres, ás 20.00 horas, co grupo de teatro Picariños. A súa será unha obra de teatro-danza que leva por título Do revés.
O sábado a convocatoria é dobre, case tripla. E é que o grupo de teatro EMAE ofrecerá pola mañá o espectáculo Cronoestrada S.L.U, no que os actores e actrices brindan un roteiro teatralizado por distintos espazos da vila e historia estradense. O punto de encontro para os espectadores será a Praza da Feira. Avanzarán polo percorrido urbano en ata seis quendas de 15 persoas cada unha. As seis remesas sairán cunha diferenza de 6 minutos, tres delas dende as 11.00 horas e outras tantas dende as 12.00. Cada ruta terá media hora de duración. Para participar nestes roteiros teatralizados é preciso retirar previamente convite no departamento municipal de Cultura, escollendo entre a quenda das 11.00 e a das 12.00. A maiores, pídese ao público que se presente con 10 minutos de antelación, rogando total puntualidade.
A Mostra de Artes Escénicas continúa ás 20.00 horas do sábado coa a estrea de Grease. O Musical, do grupo de teatro Xuvenil da EMAE. Será unha aposta na que as coreografías terán un peso especial para achegar ao público unha versión deste coñecido título.
Xa o domingo, 1 de xuño, será o Grupo de Danza+ o encargado de baixar o pano da mostra. Ás 19.00 horas, novamente no Teatro Principal, porá en escena As horas invisibles.
Nalgunhas destas montaxes os propios directores se converten en personaxes e interactúan co elenco. Ademais, segundo sinala Lueiro, todos os alumnos da EMAE serán público para as montaxes dos demais grupos.
Con 23 anos de rodaxe, a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada está conformada actualmente por uns 80 alumnos.