
Leando Fernández de Moratín presentou en 1806, con enorme éxito, a comedia O si das mociñas, onde critica os matrimonios de conveniencia ao tempo que defende o dereito das mulleres a escoller marido.
Poden hoxe extrañar aqueles costumes tan alleos á nosa mentalidade, mais existe a incontestable evidencia de que durante a Idade Moderna a maioría dos homes e mulleres en idade de casar carecían de liberdade para escoller consorte.
Asumían pois como inevitable aquela norma e concorrían ao matrimonio, que era daquela o acto máis transcendente da vida das persoas, de aí o intenso control ao que estaba sometido por parte das propias familias, da Igrexa, da sociedade e mesmo do
Estado, que delegaba nos pais o permiso de casamento. Contraer nupcias culminaba as aspiracións da inmensa maioría das mulleres e homes no Antigo Réxime e constituía un signo de éxito social, emporiso, “casar ben” introduce o matiz valorativo suplementario que supón establecer unha alianza con outra familia pudente, conservar unido o
patrimonio e aumentar o prestixio da casa. Pola contra, quedar solteira unha persoa, e moi especialmente unha muller, constituía unha das máis amargas adversidades. Pola porta do celibato definitivo feminino coábase a soedade e con frecuencia o desamparo e a miseria.
Prevalece pois o interese sobre os sentimentos; o matrimonio era considerado demasiado importante para abandonalo aos designios do azar ou os caprichos do amor.
A familia, a facenda, a casa, determinaban realidades superiores ás que os contraentes debían sacrificar a súa propia individualidade.
Preguntámonos agora que se dirimía realmente no matrimonio, por que se consideraba un acto tan transcendental. En primeiro lugar porque un matrimonio daba lugar a unha familia, eixo da sociedade e unidade reprodutiva onde nacen a maioría dos fillos
(rexístrase apenas un 4% de ilexítimos entre 1650 e 1800 na área estradense) que han perpetuar a estirpe, coidar os pais na vellez, manter unido o patrimonio e transmitilo. A familia era, asimesmo, unha unidade produtiva que xeraba a súa propia forza de
traballo, canto máis numerosa, mellor. Casa, terras e mans abondo con que labralas, velaí os piares sobre os que gravitou durante séculos a economía agraria galega.
Mais sucedía que chegado un determinado momento as familias con fillos casadeiros entraban nun estado de trance calculador, de permanente vixilancia, establecendo contactos con outras unidades familiares, o que implicaba un mutuo coñecemento da
oferta matrimonial, patrimonio e condicións de todos e cada un dos aspirantes. Este coñecemento previo é un dos principais motivos polos que na Galicia rural do Antigo Réxime a meirande parte dos casamentos se producisen entre membros da mesma
comunidade ou parroquias moi achegadas. Así en Figueiroa, Ouzande e Guimarei durante o século XVIII a endogamia parroquial dos casamentos a troco superou o 59% e os efectuados con persoas de parroquias colindantes acada o 32%, o que significa que
este trío parroquial constituía, xa daquela, unha unidade demográfica e económica singular porque compartían o núcleo protourbano da Estrada.
Este repertorio de estratexias matrimoniales non perseguía, como xa se dixo, a felicidade dos contraentes senón a integración dos esposos nunha rede de alianzas que permitisen mitigar solidariamente as adversidades e así mesmo evitar a dispersión ou
mingua do patrimonio que producen as dotes das fillas e as particións sucesorias porque, recordémolo tamén, tan só unha facenda unida aseguraba a viabilidade dunha explotación agraria e a supervivencia da familia. Velaí a teima permanente, a principal
obsesión dos petrucios galegos de antano.
A máis requintada daquelas fórmulas, a máis sutil e imaxinativa foi, sen dúbida, a que chamaremos troco matrimonial, modalidade elixida na área estradense para o 25% dos casamentos no primeiro cuarto do século XVIII. Esta fórmula de emparellamento doble tivera escasa incidencia na décimo sétima centuria, acadou o seu máximo na décimo oitava e foi esmorecendo no decurso do XIX ata desaparecer practicamente despois de 1820.
O matrimonio a troco máis usual era aquel denominado “cruzado” (48 %) que enlazaba home e muller irmáns dunha familia con muller e home, igualmente irmáns, doutra; unha segunda fórmula, que chamaremos “paralela” (46 %) emparellaba dous irmáns e dúas irmás de familias distintas. Aínda que son moi pouco frecuentes temos rexistrados trocos matrimoniais triplos e incluso cuádruplos; tal é o caso do enlace celebrado en S. Andrés de Vea o 3 de febreiro de 1706 entre os irmáns Ignacio, Catalina, Francisca e Antonia Constenla, por unha parte e Juana, Alberte, Pedro e Antonio Calvelo, pola outra. O 6 % restante presenta rasgos diferentes e responde á necesidade de culminar pactos matrimoniais de moi difícil encaixe; velaquí algúns. Margarita Tosar, de Ouzande, casa a troco apenas acadada a idade canónica para contraer nupcias; contaba a nena con 12 anos e 4 meses cando se achegou ao altar. No ano 1824 casan en Guimarei dous irmáns, Xulián e María Ferro, con dous primos, Benita e Andrés Sanmartín: endogamia parroquial e consanguinidade para evitar a dispersión do patrimonio e mantelo dentro do ámbito familiar. Ás veces, cando
cuestións de índole biolóxica impiden efectuar enlaces simultáneos, un deles adíase, incluso bastantes anos: Antonio e María Josefa Riba Ferro casan no 1753 con Josefa e Manuel Blanco Rebolo; 13 anos máis tarde enlazan Antonio Blanco Rebolo e Manuela Riba Ferro. Vexamos agora algunhas particularidades destes matrimonios a troco.
1. A súa función principal: preservar a integridade da explotación agraria; eliminar a transmisión da dote das mulleres; tamén aforrar gastos de casorio.
2. A estacionalidade. Claramente mediatizada polo ciclo agrícola. Máximo de enlaces no inverno e apatía estival; sen diferencias cos matrimonios simples.
3. Idade matrimonial. Os contraentes a troco casan máis novos: 9 meses os homes e nada menos que 21 as mulleres; veremos máis adiante de que modo contribúe este factor á fertilidade matrimonial.
4. Número de fillos. Lembremos previamente que se trata dunha fertilidade natural, sen freo de ningún tipo, e tamén que a mortalidade de infantes era moi alta. Acádase na área estradense
(1650-1850) unha media de 5 fillos nos matrimonios a troco, cifra que supera os 4´2 de natalidad total (matrimonios simples e cruzados), exactamente o que cabe esperar do acceso temperán da muller ao estado matrimonial e a conseguinte ampliación da súa vida fértil.
Nos últimos tempos novas achegas, como as de Ofelia Rey Castelao, pioneira no estudo do troco matrimonial, veñen rescatar das sombras aspectos diversos da historia social de Galicia. Emporiso quedan aínda sen resposta toda unha serie de cuestións inherentes a aquela singularidade nupcial. Conforme a que criterio se establecían as parellas?; baixo que premisas se entablaban as negociacións matrimoniais?; quen as dirixía? Tiñan voz nelas os contraíntes? Cuestións todas elas circunscritas aos bretemosos recantos do pensamento, as mentalidades e os costumes e polo tanto moi remisas a revelarnos os seus segredos.